Monforte inicia o proxecto de recuperación da histórica Rúa Vella

O proxecto contempla a mellora do pavimento orixinal e a restauración de tramos dos muros que delimitan a rúa

O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 9 de decembro deste ano 2024. Foto GPCM.

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou en rolda de prensa o inicio dun proxecto de mellora dunha das vías máis emblemáticas e históricas da cidade: a Rúa Vella. Situada no corazón do casco histórico de Monforte, intramuros, ao pé do monte de San Vicente, conserva un gran valor patrimonial. A Rúa Vella, cuxo trazado remóntase ao século XII, desempeñaba un papel crucial na comunicación entre as portas principais da vila e o antigo Palacio Condal, hoxe coñecido como a Porta da Alcazaba. A súa construción formaba parte dun sistema viario medieval que unía as partes máis altas da cidade coas zonas máis baixas, ao redor do monte de San Vicente. Sen embargo, a súa decadencia comezou a mediados do século XVI, cando o crecemento urbano se trasladou fóra das murallas, e os cambios no século XX, como a construción dos depósitos de auga potable, supuxeron a destrución de boa parte do seu pavimento orixinal.
José Tomé explicou que o obxectivo do proxecto é recuperar o pavimento orixinal da rúa, así como mellorar e acondicionar toda a vía para a súa integración no tecido urbano actual. «Queremos recuperar esta rúa, un camiño histórico que, a día de hoxe, parece máis un sendeiro rural que unha vía urbana», sinalou o alcalde, facendo referencia ao avanzado estado de abandono no que se atopa a rúa.
O proxecto de recuperación da Rúa Vella comezou cun levantamento topográfico e cunha limpeza arqueolóxica dirixida polo arqueólogo municipal Iván A. Álvarez Merayo. Este traballo previo permitiu identificar as zonas onde se conserva o pavimento orixinal e onde será necesario realizar intervencións. Segundo o informe do arqueólogo, a rúa conserva o pavimento orixinal na súa zona baixa, pero a medida que se sobe cara ao monte de San Vicente, o pavimento foi alterado ao longo dos séculos, especialmente no século XX, cando se construíron os depósitos de auga.
O proxecto de mellora levarase a cabo ao longo de 156 metros lineais, cun ancho medio de 4 metros, o que supón unha superficie total de actuación de 579 metros cadrados. Para facelo, dividirase en catro zonas de actuación específicas:

  • Zona 1: Na que se realizou un desescombro que revelou o pavimento orixinal, e se procederá á súa limpeza manual.
  • Zona 2: Onde se supón que o pavimento orixinal permanece baixo unha capa de terra vexetal.
  • Zona 3: Onde se considera que non existe pavimento orixinal, polo que se procederá á escavación e colocación de novo pavimento de canto rodado.
  • Zona 4: O ramal de acceso aos depósitos de auga, que tamén carece de pavimento orixinal, e que se acondicionará con pavimento diferenciado para vehículos e peóns.
    O proxecto contará cun orzamento de 99.440,99€.
    O alcalde resaltou a importancia desta actuación, destacando que a mellora da Rúa Vella “é un proxecto que pon en valor unha parte fundamental da nosa historia, e coa súa recuperación tamén estamos coidando o noso pasado e mellorando a imaxe da cidade”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Concello de Monforte lanza axudas para promover a creación de novas empresas en 2024

Seguinte Nova

Comezan as obras de rehabilitación do firme entre as rúas Chantada e Avenida Galicia

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss