O Concello de Monforte de Lemos convocará, por oitavo ano consecutivo, o Programa de Fomento da Iniciativa Empresarial, que en 2024 distribuirá ata 30.000 euros en subvencións para novas empresas. O alcalde, José Tomé Roca, destacou que este programa “busca apoiar a creación de emprego estable e fixar poboación no municipio”, enmarcado no plan “Promoción do emprego, ano 2024”. O prazo para solicitar as axudas estará aberto ata o 29 de novembro, segundo a convocatoria publicada no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.
As subvencións poderán cubrir ata o 50% dos gastos iniciais das novas empresas, con importes que chegan aos 1.500 euros e que se incrementarán nun 25% se o beneficiario é muller ou persoa con discapacidade. Poderán acceder ao programa autónomos e PEME que iniciasen a súa actividade entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro de 2024, cunha axuda mínima de 750 euros. Entre os requisitos, a empresa deberá estar situada en Monforte, e os solicitantes, estar en situación de desemprego ao comezo da actividade.•