O Concello de Monforte, a través do alcalde José Tomé Roca, anunciou a licitación dun novo contrato destinado á conservación e mantemento das áreas de xogo infantís e biosaudables do municipio. Este servizo, cun importe total de 100.206,10 euros (IVE incluído), inclúe a inspección, reparación e xestión da seguridade dos espazos públicos de recreo para nenos e adultos. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o venres 29 de novembro.
A empresa adxudicataria deberá realizar inspeccións semanais e revisións máis detalladas para garantir o bo estado dos xogos e aparatos instalados en parques como Santiago, Rosalía de Castro, Irmáns Dapena, A Pinguela, e outras zonas. Ademais, o contrato inclúe inspeccións específicas durante os meses de maior uso, entre marzo e setembro, cando se reforzarán as revisións.
O contrato tamén establece que se realizarán reparacións preventivas, como axustes de pezas, lubricación, pintado, e eliminación de pintadas. En caso de avarías que poidan poñer en risco a seguridade, realizaranse reparacións de urxencia no mesmo día. “Con este contrato o que queremos é garantir en todas estas áreas de xogo infantís e biosaudables o seu mantemento e a reparación dos seus xogos e aparatos, para que estean sempre ao cen por cen do seu funcionamento, realizando para elo todas as actuacións que sexan necesarias por parte da empresa adxudicataria”, sinalou o Alcalde José Tomé Roca.•