O concurso, centrado en apoiar proxectos innovadores, premia tres iniciativas con potencial de dinamizar o rural galego
A Asociación Semente de Monforte celebrou a X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, unha cita anual para recoñecer e apoiar ideas innovadoras que busquen impulsar o rural galego. O xurado destacou a altísima calidade dos proxectos presentados, así como o talento e a ilusión dos seus emprendedores, quen apostan por transformar o territorio a través de iniciativas sustentables e socialmente comprometidas.
Tras a avaliación das propostas, foron entregados tres premios principais, totalizando 20.000 euros en apoio ao desenvolvemento destes proxectos. O primeiro premio, dotado con 10.000 euros, foi concedido a GEMMA & NAZA CHEESECAKES, unha empresa de produción artesanal de tortas de queixo que se distingue polo seu compromiso coa calidade e a sustentabilidade. Esta proposta aposta polo uso de ingredientes locais e galegos de alta calidade, valorando os sabores tradicionais de Galicia e contribuíndo á economía de proximidade ao apoiar agricultores e provedores da comarca.
O segundo galardón, de 6.000 euros, foi para FICAR AQUÍ, un portal de emprego que se propón concentrar as ofertas laborais do rural galego nun único sitio web, orientado a conectar empresas locais e profesionais. A través desta plataforma, FICAR AQUÍ busca axudar a cubrir as necesidades do tecido empresarial do rural, promovendo novas oportunidades de emprego e facilitando o asentamento de poboación no territorio.
O terceiro premio, cunha dotación de 4.000 euros, recaeu en ENZICAS BIO SL, unha empresa cualificada como Startup por ENISA e que foi fundada en 2022. A proposta de ENZICAS céntrase no desenvolvemento dun ingrediente alimentario innovador, baseado nun fungo filamentoso desenvolvido a partir de castañas, que se emprega para a maduración de queixos e embutidos. Esta tecnoloxía promete diversificar os produtos galegos e engadir valor ao sector agroalimentario da Ribeira Sacra.
A entrega dos premios celebrouse no Parador de Monforte, nun acto que reuniu a representantes institucionais e empresariais, así como aos dez proxectos finalistas. Entre as autoridades asistentes destacaron a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e a directora xeral de AGADER, Mª Paz Rodríguez, así como outras figuras relevantes do panorama galego como o director xeral da AGACAL, Martín Alemparte, e as directoras territoriais da Consellería de Emprego en Ourense e Lugo, Marta Vázquez e Carmen José López. Deputados autonómicos e representantes das Deputacións de Lugo e Ourense tamén estiveron presentes, xunto con representantes das universidades e concellos colaboradores. A presidenta de Semente de Monforte, Pilar López expresou o seu orgullo pola traxectoria do certame, sinalando que moitos dos proxectos premiados en anteriores edicións convertéronse en iniciativas empresariais de éxito. “Os datos son importantes, pero o mellor é a satisfacción de que a maioría dos proxectos que quedaron entre os tres primeiros convertéronse en realidade e moitos deles son iniciativas empresariais de éxito. A ilusión coa que comezamos segue sendo a mesma, ou quizais máis. Grazas ao traballo, á dedicación e implicación que vemos nos participantes e grazas a que esas persoas, empresas e organismos que nos apoian, confían no mesmo ca nós: Podemos axudar a dinamizar o noso rural”, concluíu Pilar López. •