Turismo de Galicia prolongou ata o 9 de decembro o prazo para que as empresas do sector turístico poidan solicitar axudas para mellorar a eficiencia enerxética dos seus establecementos. Esta liña de subvencións, financiada con fondos europeos e cunha dotación de 10 millóns de euros, introduce como novidade a inclusión de empresas de restauración, ademais das de aloxamento, no acceso ás axudas.
Entre as actuacións subvencionables destacan a rehabilitación enerxética parcial ou total dos edificios, a instalación de enerxías renovables, e melloras na iluminación mediante lámpadas máis eficientes e sistemas de control. Así mesmo, cubriranse tamén os investimentos na renovación de electrodomésticos por outros de menor consumo, así como os sistemas de automatización e control enerxético, co obxectivo de aforrar custos de consumo.
As subvencións cubrirán ata un 70% do custo do proxecto, chegando ao 80% ou 90% se se demostran aforros de enerxía primaria non renovable dun 20% ou 30%. •