Tecendo redes solidarias co pobo valenciano

MAR LÓPEZ SOTELO

Reportera, Radio Monforte

Amigos ribeiraos, a pesar do duro que sexa o camiño, non se me afrouxaron as forzas para seguir tecendo esta Rede na Ribeira Sacra con xente abraiante. Socalco a socalco, seguimos crecendo, non só en Galicia senón que tamén se unen a nós moitos galegos na diáspora, como a Rede de Galegos no Reino Unido, a Asociación de Galegos na China ou os que viñeron a visitarnos e quedaron enamorados desta terra e formaron o seu fogar nela. Son os meus xenes ribeiraos e da Costa da Morte os que me inspiran hoxe aquí a facer este artigo, unha pequena homenaxe a unha heroica familia adegueira da pequeña aldea de Margaride do Lor, en Quiroga. A pesar de ter que superar duros traballos nas viñas, moitas inclemencias do tempo e un gran incendio forestal, nesta familia saben o importante que é que o pobo estea unido ante a adversidade. Así pasou cando nesta rede saltou a alarma activada polos nosos amigos Pablo, Sandra e Geovanni de Adega EDV D.O Ribeira Sacra, en solidariedade coa Denominación de Orixe Utiel-Requena, solicitándonos un punto de recollida e divulgación de axuda para os afectados pola DANA que provocou terribles inundacións na Comunidade Valenciana. A reacción foi inmediata: desde Radio Monforte emitiuse un comunicado solicitando colaboración cidadá e deseguida empezaron a chegar ás nosas instalacións innumerables mostras de apoio en forma de contribucións e doazóns infinitamente solidarias e desinteresadas, tanto que superamos as expectativas. Respondéstedes de tal maneira que aquí deixo plasmado toda a miña admiración por ese espírito heroico que temos herdado das xacias ribeirás. Porque foi con ese espírito como a familia de Adega EDV, Transportes Celso Rodríguez desde Cea, Euforte Coaching, o Sindicato da Policía Nacional ou o Restaurante Marshall (ambos de Valencia), entre outros, axudaron a levar a esperanza alá onde se estende a nosa rede na Comunidade Valenciana.


Desde o punto de recollida de Radio Monforte, e cunha solidaria cadea humana, conseguimos levar cinco furgóns; en total, cargáronse 36 pallets en dous camións, máis outro furgón de apoio. A expedición estivo acompañada por dous membros do Corpo Nacional de Policía para acceder ás zonas afectadas, e alí esperaba un garda civil de Monforte para levalos a puntos concretos e facer directamente a entrega aos afectados segundo as súas necesidades.
Nas instalacións de Radio Monforte foron depositados e contabilizados máis de 4.000 litros de auga e leite, pallets de pañais de bebé e de adulto, que foi o primeiro que se pedía desde os propios lugares damnificados. A continuación, sumáronse alimentos e material escolar, lixía e numerosos quilos de productos de limpeza e hixiene persoal. Moitas desas caixas levaban escritas mensaxes de ánimo para os valenciáns.
A experiencia de axudar na recollida das vosas doazóns deixáronnos preciosas historias, como a da avoa que se acercou chorando cun paquete de caixas de mistos porque dicía que os ían necesitar; os novos pais que doaron os seus agasallos para os recén nados de Valencia; o apoio psicolóxico que recibimos de Euforte Coaching, a nai que traía doces e nocilla para a merenda dos nenos, o amante dos animais que trouxo comida para mascotas; os veciños que se unían a nós formando unha cadea para cargar os furgóns de EDV; ou a panadería que enviou unha boa variedade dos seus exquisitos pans da Ribeira Sacra. Pequenas historias que se foron tecendo a través desta rede de apoio.
En momentos duros é onde se ve que nesta terra somos un pobo bravo e heroico, unido por unha cultura solidaria que se manterá polo gran corazón das súas xentes.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O carné +65 fomenta o envellecemento activo: descontos e vantaxes en turismo, saúde, benestar, cultura e lecer en toda Galicia

Seguinte Nova

Segue invicto o Ucoga CB Chantada

Últimas noticias sobre SOSTIBILIDADE

Ir aInicio

Don't Miss