As Escolas Deportivas Municipais de Chantada celebran nesta tempada 2024-2025 o seu 30 aniversario, e durante estes anos, o programa desenvolvido pola Concellaría de Deportes logrou consolidarse como unha das principais propostas deportivas para a mocidade do municipio. A oferta de máis de 20 disciplinas continúa sendo un referente, e a súa evolución está marcada pola introdución de novidades cada ano para promover hábitos saudables e fomentar a formación integral dos mozos e mozas. A idea central das Escolas Deportivas é achegar os valores do deporte, como o respecto, a convivencia e o traballo en equipo, aos diferentes perfís de idade.
Nesta edición, destacan especialmente dous deportes que captaron a atención dos máis novos: o Voleibol e o Atletismo Cross. No caso do Voleibol, a iniciativa conseguiu que se formaran dous equipos, un alevín que competirá na Liga de Xogade, e un cadete que participará a nivel federativo, cunha composición na súa maioría feminina. A concelleira de Deportes, Belén Vázquez Caseiro, destacou que se trata dunha actividade relativamente nova en Chantada, pero cun gran traballo de implantación. “Levamos varios anos intentando crear un equipo de voleibol e neste curso conseguimos formar dous grupos de competición, con xogadoras que competirán en Lugo desde esta fin de semana”, comentou Vázquez. A monitora do equipo, Juliana Ribeiro, con ampla experiencia a nivel competitivo, está ao fronte desta disciplina. Por outra parte, o Atletismo Cross tamén alcanzou un gran éxito nesta tempada, especialmente despois dunha proba piloto realizada na anterior edición para avaliar a demanda. O resultado foi moi positivo, cun gran número de nenos e nenas interesados na actividade, que, ademais, participan acompañados dos seus pais e nais. Esta actividade, que combina a práctica do atletismo co contacto directo coa natureza, realiza saídas a lugares como o monte, onde os participantes percorren entre 4 e 7 quilómetros. Durante as rutas, tamén se inclúen treitos de carreira técnica, co obxectivo de mellorar as habilidades deportivas mentres se promove a socialización. “Este tipo de actividade está resultando moi gratificante para todos, xa que se fomenta o respecto pola natureza e o traballo en grupo. Os pais e nais están moi satisfeitos e os nenos sempre queren repetir as saídas», explicou Manuel Lorenzo Varela, alcalde de Chantada.
A Liga de Xogade, que organiza a Xunta de Galicia e á que pertencen estas disciplinas, tamén destaca como un importante espazo para a xente nova, permitindo que as novas promesas do deporte participen en competicións provinciais durante todo o curso.
As Escolas Deportivas Municipais de Chantada seguen consolidándose como un referente na promoción do deporte base no municipio, cun compromiso claro coa saúde e o benestar dos máis novos.•