A Deputación de Lugo aproba un orzamento histórico de 130M€ para 2025

O novo presuposto, que crece un 12%, reforza a mobilidade e as políticas sociais

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca xunto ao Vicepresidente, Efrén Castro, a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Carmela López, a Deputada de Réxime Interno, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro Fernández. Foto GPDL.

A Deputación de Lugo aprobou o pasado martes no pleno celebrado no Pazo de San Marcos o Orzamento de 2025, que acadará os 130 millóns de euros, un incremento do 12% respecto ao ano anterior, impulsado polos fondos do Estado. A Deputada de Economía, Carmela López Moreno, destacou que este presuposto é “investidor, social e claramente expansivo”, incidindo na súa capacidade para achegar servizos públicos e fomentar a actividade económica, dous factores chave para fixar poboación.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, afirmou que o documento permitirá seguir desenvolvendo os catro piares da acción de goberno: mobilidade, cooperación cos concellos, políticas sociais e apoio aos sectores produtivos. Tomé subliñou que o presuposto inclúe medidas ambiciosas para mellorar a calidade de vida na provincia e fortalecer a cohesión territorial.

INCREMENTO NAS POLÍTICAS SOCIAIS
Unha das partidas máis destacadas do orzamento é a destinada a políticas sociais, que ascende a 41,2 millóns de euros, un 8% máis respecto ao exercicio anterior. Este importe inclúe preto de 11 millóns para o mantemento das residencias de maiores de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil, así como para a apertura dos centros de Becerreá, Guitiriz e A Pontenova durante o actual mandato. Ademais, a Deputación destinará 3,4 millóns ao Servizo de Axuda no Fogar e manterá a teleasistencia domiciliaria.
Outros 1,4 millóns financiarán colaboracións con asociacións que traballan contra a pobreza e a exclusión social, mentres que as políticas de emprego recibirán 4 millóns para favorecer a contratación e a formación profesional. A educación contará con preto de 3 millóns, incluíndo apoios á Universidade pública e ao Centro de Formación Audiovisual da Deputación.

MELLORAS NA MOBILIDADE E COOPERACIÓN COS CONCELLOS
A mobilidade é outro dos grandes eixos do Orzamento, con máis de 27 millóns destinados a estradas, o que representa un incremento do 42% respecto ao 2024. Estes fondos permitirán acometer obras novas, conservación, desbroce e actuacións do Parque Móbil en vías provinciais e municipais. Carmela López destacou que esta aposta pola mobilidade busca fortalecer o equilibrio territorial, mellorar a conectividade no rural e dinamizar sectores como o turismo. O Plan Deputación, que promove a cooperación cos concellos, contará con 22 millóns de euros, garantindo un reparto transparente e obxectivo entre a totalidade dos concellos da provincia.

APOIO AOS SECTORES PRODUTIVOS
O orzamento para 2025 inclúe 13,4 millóns destinados aos sectores produtivos, cun incremento do 19% respecto ao exercicio anterior. A Granxa Gayoso Castro recibirá máis de 2 millóns de euros, dos cales máis dun millón será para construír unha nova granxa de porco celta, co obxectivo de recuperar esta raza autóctona e fomentar a transferencia de coñecementos en colaboración co Campus Terra. Esta infraestrutura ofrecerá espazos modernos para a formación e contribuirá á avaliación da Facultade de Veterinaria no Ránking de Shangai.
O turismo tamén será un eixo estratéxico, con 3,3 millóns para consolidar un modelo de turismo sostible e de experiencias, mentres que 3,8 millóns financiarán proxectos de conservación e valorización do patrimonio natural da provincia.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL E SOLIDARIEDADE
Durante a sesión plenaria, aprobouse por unanimidade unha declaración institucional en apoio aos afectados pola Dana de outubro, especialmente nas provincias de Valencia e Albacete. A Deputación destacou a importancia da unidade para afrontar esta catástrofe e agradeceu o traballo de servizos de emerxencia, voluntarios e organizacións implicadas.
Con este orzamento, dende o equipo de goberno da Deputación de Lugo queren reafirmar o seu compromiso co progreso social e económico, consolidando políticas expansivas que buscan mellorar a calidade de vida dos veciños da provincia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Monforte celebra a reapertura da liña férrea con Ourense tras unha histórica inversión de 550 millóns de euros

Seguinte Nova

Isadora Calaça , alumna do CPR Belarmino Fernández, logra o segundo posto no III Trofeo “Novos Talentos” de coctelería creativa

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss