Diego Xesús López, terceiro premio no Concurso Homebrewer cunha cervexa experimental

O mestre cervexeiro sorprendeu cunha receita que incorpora cereais de chocolate. Foto: GPCS

O veciño de Sober, Diego Xesús López, logrou o terceiro posto na categoría de Cervexa Experimental no VIII Concurso Homebrewer de Córdoba, celebrado o pasado 22 de novembro no Hotel Casa de los Azulejos. O certame, organizado polo club cordobés The Real CordobALE-CerveCataClub e enmarcado no Rally da Asociación de Cervexeiros Caseiros Españoles (ACCE), reuniu 18 xuíces certificados e consolidouse como unha das competicións cervexeiras máis prestixiosas de España.
Diego presentou unha cervexa negra elaborada en Sober, cunha mestura de características propias dunha imperial stout e dunha milk stout. Cun contido alcohólico de 7,2 graos, destaca polos seus aromas a café, sabor a chocolate e unha receita singular que inclúe cereais de chocolate Chocapic. Ademais, o seu coidado proceso de fermentación e maduración, que se estende durante cinco meses, foi clave no éxito da creación.
O mestre artesán, que participa nestes certames como afeccionado, confesou a súa sorpresa polo recoñecemento: “Non esperaba o premio porque o nivel é moi alto. Os participantes están moi formados, e moitos son xuíces titulados”. A súa cervexa, ideal para sobremesas ou como alternativa ao licor café, é adecuada para acompañar doces e tartas, especialmente en inverno, grazas á súa densidade e complexidade. Esta creación, coa que competiu en Córdoba, foi o terceiro lote que elaborou seguindo unha receita inicial que decidiu non modificar. Diego, docente de profesión, leva anos cultivando a súa paixón pola cervexa caseira na súa pequena bodega. No pasado, chegou a lanzar ao mercado dúas referencias comerciais, Chacueca e Mikado, en compañía dun grupo de amigos, pero decidiu non continuar coa comercialización debido á complexidade do mercado. “Para min, isto é unha afección”, comentou.
O VIII Concurso Homebrewer de Córdoba celebrouse con dous apartados principais: Estilos clásicos e Historical & Specialty. Na segunda categoría, que inclúe cervexas especiadas, ácidas ou experimentais, destacou a proposta de Diego Xesús, consolidando a calidade da cervexa artesá galega nun evento de referencia no sector.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Guímaro Mencía Ribeira Sacra Finca Meixamen 2022, o mellor viño de España segundo James Suckling

Seguinte Nova

Sober impulsa o turismo e a enoloxía con dous novos proxectos Leader

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

Ir aInicio

Don't Miss