Monforte de Lemos vivirá o vindeiro 29 de novembro un momento histórico coa reapertura da liña férrea entre Ourense e Monforte. A viaxe inaugural, celebrada o martes 26 de novembro, contou coa participación da Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, en representación do Alcalde José Tomé, quen non puido asistir por motivos de axenda. A recuperación deste tramo ferroviario clave supón a culminación dunha das maiores inversións na historia do ferrocarril galego, cun importe total de 550 millóns de euros.
Prada destacou a relevancia desta obra para Monforte e a súa comarca: “Hoxe é un día moi importante, pois recuperamos unha conexión fundamental coa provincia de Ourense e co resto de España a través dos Alvia transversais, que unen Galicia con Cataluña. Este investimento sen precedentes pon de manifesto o compromiso do Goberno de España coas infraestruturas ferroviarias”.
A viaxe inaugural partiu da Estación Ourense-Empalme ás 9:25 horas e chegou a Monforte cinco minutos antes do previsto, ás 10:10. Realizouse a bordo do Alvia A Coruña-Barcelona, que retomou o seu servizo habitual tras dous anos de interrupción por mor das obras. Durante a viaxe, Prada estivo acompañada polo Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, o xefe de Mantemento de ADIF en Ourense, Luis Palacios, e o representante institucional de RENFE en Galicia, Javier Pérez.
UNHA LIÑA PREPARADA PARA O FUTURO
Os traballos realizados no tramo Ourense-Monforte inclúen a electrificación da vía, a renovación de sistemas de telecomunicacións e sinalizacións, e a adaptación de pontes e túneles aos novos estándares. Estas melloras incrementan a fiabilidade e a capacidade da liña, á vez que permiten a súa integración no Corredor Atlántico de Mercadorías.
Prada sinalou que a reapertura do tramo non só beneficia o transporte de pasaxeiros, senón que tamén terá un impacto significativo no transporte de mercadorías, reforzando o papel de Monforte como nodo ferroviario. Ademais, avanzou que para o 17 de decembro está prevista a recuperación de servizos de Media Distancia entre A Coruña, Ourense, Vigo e Ponferrada, así como o Alvia Lugo-Madrid.
A modernización da liña non remata aquí. O tramo Monforte-Lugo, de 71 quilómetros, está en fase final de obras, con previsión de electrificación completa e melloras que conectarán Lugo coa alta velocidade en Ourense. Estas actuacións forman parte dun proxecto integral de renovación de 117 quilómetros, que inclúe tamén a ampliación das estacións de Monforte e Lugo.
O PAPEL ESTRÁTEXICO DE MONFORTE
A reapertura deste tramo e as melloras previstas consolidan a posición de Monforte como eixo central do transporte ferroviario en Galicia. O Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou que esta inversión “supón unha transformación completa da infraestrutura, mellorando a seguridade, a velocidade e o confort dos usuarios”. Ademais, subliñou que Monforte de Lemos recupera un protagonismo histórico no sector ferroviario grazas á conexión directa coa alta velocidade en Ourense, un feito que aumenta a competitividade da comarca.
CRÍTICAS DO PARTIDO POPULAR
Por outra banda, os populares lucenses aproveitaron a ocasión para criticar a xestión dos prazos e os problemas detectados durante as probas, como deficiencias na catenaria e atrasos na electrificación completa. O deputado Francisco Conde denunciou a falta de planificación do Goberno central e a “penalización á que se someteu a provincia de Lugo” pola prolongada desconexión ferroviaria.
Aínda que todo é susceptible de mellorarse, o certo é que a reapertura da liña Ourense-Monforte representa un paso decisivo na mellora das comunicacións ferroviarias da comarca e no impulso do desenvolvemento económico e social da provincia de Lugo. Coa previsión de completar o proxecto en 2026, Monforte continúa avanzando cara ao futuro, reforzando o seu papel clave na rede ferroviaria galega e estatal.•