O alcalde de Monforte supervisa o avance das obras da Comisaría da Policía Nacional

José Tomé destacou o impacto da nova infraestrutura, que estará operativa a principios de 2026, tras unha inversión total de 4 millóns de euros

O Alcalde, o Delegado do Goberno e o xefe superior da Policía Nacional de Galicia supervisaron as obras da nova comisaría da Policía Nacional de Monforte. Foto GPCM.

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, supervisou hoxe as obras da futura Comisaría da Policía Nacional, acompañado polo Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o xefe superior da Policía Nacional de Galicia, Pedro Jesús Pacheco. Acompañaron tamén o acto a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, José Luís Losada, e outros representantes das forzas de seguridade.
As obras, que avanzan a bo ritmo, convertiranse nunha solución ás carencias actuais das instalacións policiais en Monforte. Desde 1998, a comisaría local ocupa un antigo edificio residencial en réxime de alugueiro, con espazos insuficientes e sen garaxe, situación que dificultaba a operatividade do Corpo Nacional de Policía. Coa reforma en marcha, o novo edificio ofrecerá unhas instalacións modernas, funcionais e sostibles. Situada na Avenida de Galicia, número 73-77, a nova comisaría está a ser reformada na coñecida como «antiga Casa de Socorro», un inmoble cedido gratuitamente polo Concello de Monforte. O edificio, cunha superficie construída de 1.822 metros cadrados e unha parcela de 2.282 metros cadrados, contará con espazos específicos para atención cidadá, áreas de detención, vestiarios, zonas operativas e unha galería de tiro. A reforma inclúe melloras estruturais, como a instalación de escaleiras de emerxencia e un ascensor que garante a accesibilidade.
O proxecto foi licitado en decembro de 2023 cun orzamento inicial de 4,6 millóns de euros, sendo finalmente adxudicado por 3,67 millóns. A dirección das obras recae na firma técnica Unspyra Servicios Técnicos, cun contrato de 140.000 euros. A reconversión estará concluída a finais de 2025, co obxectivo de que a comisaría estea operativa a principios de 2026.
Na súa intervención ante os medios, José Tomé destacou que a obra responde a unha vella demanda da cidadanía, que levaba máis de 40 anos esperando por unha infraestrutura axeitada. “Estamos a dar solución a unha necesidade histórica do noso municipio grazas ao esforzo conxunto do Concello e o Goberno central. Esta nova comisaría fortalecerá a presenza policial e mellorará a calidade do servizo público para todos os veciños e veciñas de Monforte”, afirmou o alcalde.
O Delegado do Goberno, Pedro Blanco, agradeceu o compromiso do rexedor, salientando que “a cesión do edificio e da parcela foi clave para facer realidade esta dotación esencial”. Blanco subliñou ademais a rapidez coa que o Ministerio do Interior iniciou os traballos, garantindo unha infraestrutura adaptada ás necesidades actuais. O novo edificio marcará un cambio significativo na operatividade do Corpo Nacional de Policía en Monforte, substituíndo unhas instalacións obsoletas e mellorando a eficiencia dos servizos. A urbanización e acondicionamento da zona de aparcamento e a optimización dos espazos internos permitirá aos axentes traballar en mellores condicións, ao tempo que a comunidade local se beneficiará dun servizo máis accesible e moderno.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Turismo de Galicia promove o Camiño de Inverno de cara a 2025

Seguinte Nova

Nova pavimentación para o Cemiterio Vello Municipal de Monforte

Últimas noticias sobre SERVIZOS

Ir aInicio

Don't Miss