O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, supervisou a pasada semana a entrega dun tractor ao Concello de Quiroga, acompañado polo alcalde, José Rivera Castro, e o tenente de alcalde, Vicente Vizcaíno Parra. Esta nova adquisición, financiada con 120.000 euros achegados pola Deputación, será destinada ao mantemento e acondicionamento de camiños rurais no municipio.
O investimento está enmarcado nun convenio de 124.000 euros que tamén inclúe a implantación da plataforma dixital Aldealista, orientada á promoción turística do territorio. José Tomé subliñou que “este tractor será unha ferramenta fundamental para mellorar a mobilidade e os servizos públicos en Quiroga, impulsando a calidade de vida nas zonas rurais”. O mandatario provincial destacou que a colaboración con pequenos municipios como Quiroga busca reforzar os recursos locais e facilitar o desenvolvemento de tarefas esenciais no rural. Esta acción insírese na aposta por fortalecer as infraestruturas municipais.•