Turismo de Galicia reforza a súa estratexia de promoción dos itinerarios xacobeos menos transitados co obxectivo de redistribuír a chegada de peregrinos e impulsar os territorios que atravesan. Así o anunciou Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia, durante a sinatura dun convenio coa Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, destacando o incremento de peregrinos neste roteiro, elixido por 2.767 persoas en 2024, un 42% máis que no mesmo período do ano anterior.
O Camiño de Inverno, de 210 quilómetros, atravesa as catro provincias galegas, con entrada pola Ribeira Sacra. Este itinerario, que na Idade Media evitaba os cumios do Cebreiro, é maioritariamente percorrido por peregrinos españois, seguidos de italianos, portugueses e estadounidenses.
O convenio asinado busca mellorar a experiencia dos peregrinos mediante actuacións nos servizos, á vez que promove o desenvolvemento económico e turístico dos 19 concellos que forman parte da asociación, presidida polo alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez. A Xunta destinou máis dun millón de euros ao acondicionamento deste itinerario, dentro do marco do Plan Director dos Camiños de Santiago 2027.
Merelles destacou que o acordo mellorará a “experiencia turística dos peregrinos” e incidirá tamén no incremento da calidade de vida da veciñanza”, Ademais, servirá tamén para poñer en valor os recursos turísticos destes municipios e favorecerá o seu desenvolvemento económico.•