A Deputación licitará este ano a granxa de porco celta en Gayoso Castro por 1 millón de euros

O proxecto permitirá formación práctica de alto nivel, fomentará a investigación e fortalecerá o sector primario na provincia de Lugo

A nave de produción será a estrutura principal da granxa, onde se desenvolverá a maior parte da actividade. Infografía GPDL / Foto Asoporcel.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que a institución provincial prevé licitar antes de que remate o ano a construción da granxa de porco celta no complexo da finca Gayoso Castro, situada en Castro de Rei. Cun orzamento de 1.057.000 euros, o proxecto cumpre o compromiso de ofrecer un servizo público esencial para o futuro do sector primario e a formación dos profesionais encargados de garantir a sostibilidade e a saúde animal.
A adxudicación das obras está prevista para o primeiro trimestre de 2025, co obxectivo de que as instalacións estean operativas en 2026. Segundo explicou Tomé, a granxa servirá como espazo de formación práctica para estudantes da Facultade de Veterinaria e enxeñeiros agrónomos do Campus Terra da USC, proporcionando un “laboratorio vivo” para desenvolver competencias clave. Ademais, o proxecto busca consolidar o prestixio internacional da Facultade de Veterinaria, que ocupa postos destacados no ránking de Shangai.

Cunha capacidade máxima de 24 porcas de cría e 5 porcos reprodutores, as instalacións terán unha superficie de máis de 1.000 m2 e contarán cun espazo “multifuncional” que incluirá nave de produción, zona de corentena, aularios, vestiarios e almacenaxe. Infografías GPDL.

DETALLES DAS INSTALACIÓNS
A nova granxa contará cunha superficie edificada de máis de 1.000 metros cadrados e terá capacidade para 24 porcas de cría e 5 porcos reprodutores. O deseño inclúe unha nave de produción, onde se desenvolverán as distintas fases da actividade, unha zona de corentena para garantir a saúde animal, aularios, vestiarios, espazos de almacenaxe e catro silos para alimento. Tamén disporá de infraestruturas auxiliares, como depósitos de auga, un grupo electróxeno, unha fosa de purín, peches perimetrais e pistas de acceso.
Segundo destacou o Presidente, estas instalacións integraranse nas actividades xa en marcha en Gayoso Castro, como a crianza de xatas de raza rubia galega, a recría de gando vacún, a granxa experimental de leite, e a recuperación de razas autóctonas como a vaca cachena e os cabalos. O proxecto para o porco celta reforzará a conservación e mellora desta raza autóctona e ofrecerá novas oportunidades de formación.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, vén de anunciar que a institución provincial licitará antes de final de ano a construción da granxa de porco celta. Foto: GPDL.

UN COMPROMISO CO SECTOR PRIMARIO
José Tomé subliñou que esta iniciativa se enmarca no obxectivo de poñer a investigación, a formación e a innovación ao servizo do sector primario, clave para o desenvolvemento económico e social do rural. A Deputación busca así potenciar a produción de leite, carne e madeira, sectores nos que a provincia de Lugo é líder a nivel nacional.
Tomé resaltou que esta granxa permitirá non só fortalecer a economía rural, senón tamén reter talento novo, fixar poboación no rural e mellorar a posición da provincia no ámbito educativo europeo. “A agricultura e a gandería son as raíces da nosa economía, e como tal, merecen todo o noso apoio e esforzo”, afirmou.

CRÍTICAS Á FALTA DE APOIO AUTONÓMICO
O Presidente aproveitou para sinalar a ausencia dunha estratexia clara por parte da Xunta de Galicia para impulsar o medio rural. Segundo Tomé, a Deputación está asumindo este reto dentro das súas posibilidades e cos recursos dispoñibles, contando co apoio dos sectores produtivos e do coñecemento da Universidade.
“É responsabilidade das administracións públicas planificar o futuro con visión global e estratéxica, algo que a Administración autonómica debería liderar pero que non está a facer. Desde a Deputación de Lugo intentamos paliar esta falta de visión, desenvolvendo proxectos que beneficien ao sector primario e ao rural”, concluíu o mandatario provincial. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Amaral apraza o lanzamento de «Dolce Vita»

Seguinte Nova

O Presidente inaugura o aparcadoiro gratuíto do Fogar de Santa María con 164 prazas no centro de Lugo grazas á Deputación

Últimas noticias sobre O MUNDO DO VIÑO E DO AGRO

Ir aInicio

Don't Miss