A Deputación de Lugo abre o prazo para o programa Lugo Termal 2025, con 1.750 prazas dispoñibles

A iniciativa ofrece descontos en catro balnearios da provincia e busca fomentar o benestar social e o turismo termal, cun orzamento incrementado nun 30% respecto á edición anterior

O programa Lugo Termal ofrece descontos de entre o 10 e o 20%. Foto GPDL.

A Deputación de Lugo anunciou a apertura do prazo para participar na nova edición do programa Lugo Termal, que pon a disposición das persoas interesadas 1.750 prazas para tratamentos en balnearios da provincia. A iniciativa, que arrincou o pasado 2 de decembro está dirixida a maiores de 50 anos, que poderán beneficiarse de descontos de entre o 10% e o 20% en catro establecementos: Termas de Lugo, Augas Santas en Pantón, Río Pambre en Palas de Rei e o Balneario de Guitiriz. Ademais, os participantes poderán acudir cun acompañante que gozará das mesmas vantaxes, independentemente da súa idade.
O programa destínase a persoas empadroadas na provincia de Lugo, que sexan autónomas nas súas actividades cotiás e que non presenten contraindicacións para tratamentos termais. Para participar, será necesario rexistrar unha solicitude, dispoñible no Boletín Oficial da Provincia do pasado 30 de novembro e na sede electrónica da Deputación. As inscricións, acompañadas dunha copia do DNI, poderán realizarse a través da sede electrónica ou de calquera rexistro oficial, ata esgotar as prazas dispoñibles.
O programa Lugo Termal ofrece dúas modalidades. A primeira, con estancia, inclúe 6 días e 5 noites con pensión completa, recoñecemento médico, entre 15 e 20 técnicas termais, e actividades socioculturais por 275€. A segunda modalidade, sen estancia, permite recibir entre 30 e 40 tratamentos termais durante 10 días, cun custo de 150€. En ambos casos, os custos están parcialmente cubertos pola Deputación de Lugo, que nesta edición incrementou o orzamento ata os 121.605 euros, un 30% máis respecto ao ano anterior.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que a institución provincial vén de abrir o prazo para solicitar as 1.750 prazas do programa Lugo Termal. Foto GPDL.

UNHA DÉCADA PROMOVENDO O TERMALISMO E A CALIDADE DE VIDA
O Lugo Termal, que leva máis dunha década en marcha, busca promover o envellecemento activo, a autonomía persoal e a detección precoz da dependencia entre os maiores da provincia. Tamén desempeña un papel destacado na dinamización da economía local, impulsando o turismo de proximidade. A provincia de Lugo, que conta cunha ampla tradición termal dende a época romana, é recoñecida pola calidade das súas augas mineiromedicinais. Galicia, ademais, sitúase como a segunda maior rexión termal de Europa.

CREACIÓN DE EMPREGO NO RURAL
A colaboración entre a Deputación e os catro balnearios participantes reflicte o compromiso coa preservación e promoción deste patrimonio único. Segundo a Asociación de Balnearios de Galicia, estas instalacións contribúen á creación de emprego no rural, especialmente feminino, e axudan a fixar poboación nestas áreas.
O Lugo Termal súmase ao conxunto de iniciativas da Deputación orientadas a mellorar a calidade de vida da veciñanza lucense, ao tempo que impulsa o turismo termal como motor económico. As persoas interesadas teñen a oportunidade de beneficiarse dunha proposta que combina saúde, lecer e benestar, nunha contorna natural privilexiada.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Axudas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas

Seguinte Nova

Renfe recupera a conexión directa en tren Lugo-Monforte-Ourense-Madrid

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

Ir aInicio

Don't Miss