O PP insiste na necesidade de dar participación no Consello Provincial de Turismo para potenciar a provincia como destino turístico
A Deputación de Lugo concluíu 2024 con 60 accións estratéxicas no ámbito turístico, superando en dez o número do pasado ano. Este incremento foi destacado pola vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo, Pilar García Porto, na última reunión do ano deste órgano participativo. A Deputada subliñou que o compromiso da institución se centra nun modelo turístico diverso, sostible e respectuoso co medio ambiente.
Entre os programas máis salientables figurou Coñece a túa provincia, que permitiu a 82 asociacións explorar 67 concellos, fomentando a conexión entre os lucenses e o seu patrimonio. As Rutas polo Románico, pola súa banda, atraeron 297 participantes, promovendo a valoración dos bens históricos.
As accións de proxección nacional e internacional consolidaron Lugo como un destino turístico de referencia, con presenza en feiras como FITUR e Biocultura. Ademais, eventos como La Vuelta e o Campionato de España de Taekwondo contribuíron a posicionar a provincia como accesible e atractiva.
No ámbito do ecoturismo, o selo Starlight obtido polos Ancares Lucenses destacou a calidade do ceo nocturno, reforzando a imaxe de Lugo como destino natural. As rutas fluviais, con 61.487 viaxeiros, consolidáronse como actividade estrela. A Ruta do Canón do Sil atraeu 46.954 visitantes, mentres que 14.533 optaron pola Ruta do Cabo do Mundo.
A Deputación recoñeceu ademais iniciativas turísticas e gastronómicas con premios á excelencia, entre as que destacaron a Feira do Capón de Vilalba, a Festa da Cereixa de Ribas de Sil e o Barco Museo Boniteiro de Burela.
CRÍTICAS DO PARTIDO POPULAR
O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, denunciou na última xuntanza do Consello Provincial de Turismo que o goberno de PSOE e BNG carece dun plan claro para promocionar Lugo en 2025. Ameijide criticou a ausencia de debates e propostas concretas, sinalando o desleixo nas estradas provinciais durante o verán como exemplo da imaxe negativa que se ofrece aos visitantes. Ademais, destacou o traballo do sector privado como clave para manter a atracción turística na provincia.•