O Concello de Monforte acometerá unha renovación integral da súa rede de abastecemento de auga grazas a unha inversión de 10 millóns de euros autorizada o pasado 17 de decembro polo Consello de Ministros. O alcalde, José Tomé Roca, anunciou esta iniciativa en rolda de prensa acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras, José Luis Losada, destacando que este proxecto é “un fito sen precedentes para a cidade”. A inversión será xestionada a través da Sociedade Mercantil Estatal Augas das Concas de España (ACUAES), e permitirá eliminar as tubaxes de fibrocemento, mellorando a calidade e eficiencia do servizo de auga.
Segundo explicou o rexedor, a decisión do Goberno central supón un respaldo claro ao esforzo continuo do equipo de goberno municipal por priorizar as necesidades básicas da cidadanía. “Moitas veces dixen que Monforte vai ben e que irá aún mellor. Este é un exemplo claro de que esas palabras se traducen en feitos”, sinalou Tomé, quen cualificou o financiamento como “a lotería para Monforte”.
PLANIFICACIÓN E EXECUCIÓN
O proceso para levar a cabo esta ambiciosa obra comezará coa elaboración dun documento marco entre ACUAES e o Concello, no que se definirán as accións concretas, o orzamento desagregado e os prazos. Despois, iniciarase a redacción do proxecto, que será sometido a aprobación antes da licitación das obras. Segundo indicou o alcalde, a execución material podería prolongarse entre 4 e 6 anos, dependendo de factores como a climatoloxía, a coordinación con outros organismos e a afectación de servizos.
Os traballos contemplan, entre outros aspectos, a instalación dunha rede provisional para garantir o subministro durante a obra, a demolición do pavimento, a retirada das tubaxes antigas e a colocación das novas canalizacións, ademais da reposición dos firmes. Todas as tarefas relacionadas co manexo do fibrocemento estarán a cargo de empresas homologadas e inscritas no Rexistro de Empresas con Risco de Amianto, garantindo así o cumprimento estrito da normativa vixente.
IMPACTO NA REDE DE ABASTECEMENTO
A actuación afectaraá un total de 51,758 quilómetros de tubaxes distribuídos por toda a cidade. Entre os tramos prioritarios destaca a substitución da tubaxe principal de San Vicente, que descorre pola rúa da Cerca ata Roberto Baamonde, cunha lonxitude de 272 metros e un diámetro de 500 milímetros. Tamén se renovaran as conducións que conectan Piñeira co Polígono do Reboredo, que suman máis de 5 quilómetros, ademais de todas as canalizacións do núcleo urbano.
Esta renovación integral pon fin a décadas de problemas causados polo fibrocemento, un material que, ademais de ser pouco eficiente, ocasionaba avarías frecuentes e perdas no sistema de abastecemento. “Cando finalicen estas obras, Monforte xa non terá ningunha tubaxe de fibrocemento, un obxectivo que nunca antes se acadara”, resaltou Tomé. Ademais, destacouse que as previsións orzamentarias inclúen un incremento do 25% sobre os prezos unitarios estipulados no Plan da Auga 2010-2025 da Xunta de Galicia, para cubrir posibles actualizacións de custos.
UN LOGRO XESTADO AO LONGO DOS ANOS
O alcalde quixo subliñar que esta inversión é froito de varios anos de xestións e da colaboración con diferentes administracións. Entre os organismos implicados mencionou a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Dirección Xeral da Auga e o Ministerio para a Transición Ecolóxica. Ademais, o Alcalde quixo agradecer ao Goberno de España e a persoas como a exministra Teresa Ribera, que desempeñaron un papel relevante para acadar este financiamento.
Desde 2016, substituíronse 17,362 quilómetros de tubaxes de fibrocemento, unha media anual de 2,17 quilómetros, fronte aos 570 metros anuais renovados de media entre 2001 e 2016. Este incremento sustancial reflicte o compromiso do Concello coa mellora das infraestruturas básicas da cidade.
Tomé Roca concluíu que esta renovación marcará un antes e un despois na calidade de vida dos veciños e na sustentabilidade do servizo de abastecemento, consolidando a posición de Monforte como un referente en xestión municipal en Galicia.•