O Concello de Monforte presenta unha completa programación para o Nadal 2024-2025, centrada en actividades culturais, comerciais e de lecer. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Cultura, Marina Doutón foron as encargadas da súa presentación. Un dos pratos fortes é o Mercado de Nadal, que se celebrará na Praza de Abastos durante dous fins de semana consecutivos: o 21 e 22 e o 28 e 29 de decembro.
O Mercado estará aberto en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 h. Contará cunha zona comercial dedicada aos agasallos e produtos típicos destas festas, complementada cunha ampla oferta de actividades lúdicas para todas as idades. Entre elas, obradoiros infantís, espectáculos de circo e maxia, e unha pista de Scalextric que estará dispoñible en varias quendas.
O sábado 21 ás 12:00 h haberá un obradoiro de pintura infantil, seguido do espectáculo “Pallaso Total” ás 18:00 h. Ás 19:00 h será a quenda dun showcooking centrado en aperitivos de Nadal. O domingo 22, as actividades inclúen un obradoiro de decoración de Nadal ás 12:00 h e a actuación de Peter Punk ás 18:30 h. O seguinte fin de semana ofrecerá espectáculos de títeres e maxia, así como a pista de Scalextric.
Outra das propostas destacadas será o ciclo de concertos na rúa, que terá lugar na rúa do Cardeal os sábados 21 e 28 de decembro. O grupo local 7Rojo actuará o día 21 ás 20:00 h, mentres que Movilla y los Irrepetibles protagonizarán a sesión do sábado 28, tamén ás 20:00 h. Estes concertos buscarán dinamizar a hostalería e a vida social no centro da cidade.
O programa complétase con eventos como o tradicional Festival de Nadal do Conservatorio Municipal, que se celebrará o venres 20 de decembro ás 20:00 h no Edificio Multiusos, e o Concerto de Corais Nadal 2024, o sábado 21 ás 19:00 h na Igrexa da Nosa Señora da Antiga.
A oferta cultural e de ocio continúa ata o 6 de xaneiro, coa Cabalgata de Reis o domingo 5, que partirá ás 18:30 h da estación de ferrocarril, e o Concerto de Ano Novo, que terá lugar o día 3 no Edificio Multiusos coa Orquestra Clásica de Vigo.
O CMonforte volve apostar por un Nadal cheo de ilusión, tradición e dinamización económica para gozar en familia.•