O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu ao piloto Eduardo Iglesias antes da súa participación no Rally Dakar 2025, que terá lugar en Arabia Saudí do 3 ao 17 de xaneiro. No acto, celebrado na praza da Casa Consistorial, presentouse a moto e a equipación coas que competirá o monfortino, que levará o dorsal 38. Tamén participaron na recepción a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e dous membros do equipo do piloto, Jesús Veloso Cachaldora e José Manuel Cerdeira.
Esta será a sexta participación consecutiva de Eduardo Iglesias no Dakar. Nas edicións previas, conseguiu rematar en catro delas, destacando o seu mellor resultado, o posto 53, en 2021. O rexedor municipal desexoulle sorte e agardou que poida superar o seu mellor rexistro sen incidentes, como os sufridos en 2023, cando un accidente na etapa prólogo impediu a súa continuidade.
O Alcalde José Tomé Roca destacou o apoio económico tanto do Concello de Monforte, cunha achega de 5.000 euros, como da Deputación de Lugo, para sufragar os custos dunha das competicións deportivas máis esixentes. Resaltou ademais o impacto da proba, con máis de 200 millóns de telespectadores, e subliñou que Iglesias levará o nome de Monforte, da Ribeira Sacra e de toda a provincia de Lugo a nivel internacional, sendo o único galego en motos nesta edición.•