O grupo municipal do PP de Monforte defenderá no pleno a elaboración dun Plan de Actuación municipal para afrontar posibles inundacións. A voceira, Katy Varela, destacou a necesidade de identificar as zonas e elementos vulnerables, establecer sistemas de alerta e intervención, e definir os medios para actuar ante emerxencias.
Monforte, con máis de 60 km en áreas de risco segundo a CHMS, enfróntase a un risco potencial significativo de inundación, segundo o Plan Inungal da Xunta. “Todos recordamos diferentes casos de inundacións ocasionadas polo desbordamento do río Cabe, normalmente consecuencia de episodios de altas precipitacións que provocan o desbordamento, polo que é mellor estar previdos”, sinalou Katy Varela.•