O Círculo das Artes de Lugo acolleu este venres a entrega dos sétimos premios Son Muller, unha iniciativa da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU) que conta co apoio da Deputación. Estes galardóns destacaron o talento empresarial feminino e o compromiso co desenvolvemento do rural.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou no evento, onde subliñou a importancia destes premios, “xa consolidados como un referente”. Destacou o recoñecemento ao emprendemento no rural, sinalando que “o futuro do rural tense que escribir en feminino” e engadiu que a Deputación “sempre estará ao carón de iniciativas como esta” que promoven a igualdade de oportunidades.
A Deputación colabora con AELU financiando este certame, que outorga 1.000 euros á gañadora e 500 euros ao segundo premio, ademais dun ano gratuíto como asociadas de AELU e un xogo de cerámica exclusiva.•