A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Deputación de Lugo presentaron o pasado 17 de decembro o «Lugo Informe Anual 2024», unha publicación elaborada pola CEL grazas ao apoio da Deputación. O acto, celebrado no Pazo de San Marcos, contou coa presenza do presidente da Deputación, José Tomé Roca, e do secretario xeral da CEL, Jaime López, que destacaron a relevancia desta radiografía da provincia.
O estudo compila datos estatísticos que describen a situación económica, laboral e social dos 67 municipios lucenses, analizando indicadores clave como a evolución demográfica, o tecido empresarial ou o mercado laboral. Durante o evento, Jaime López subliñou que esta publicación é parte dun traballo estratéxico apoiado polo ente provincial, que inclúe tamén accións de internacionalización e de difusión normativa. Segundo López, A Mariña e Monforte de Lemos destacan pola súa mellor evolución económica, froito do seu peso industrial, polo que é prioritario fortalecer esta capacidade noutras zonas da provincia.
Pola súa banda, José Tomé destacou algúns dos datos máis salientables do informe. Lugo representa o 12% do PIB galego, cun valor de 7.400 millóns de euros, e a súa taxa de paro, situada no 8,2%, é inferior á media galega. A provincia lidera en agricultura ecolóxica, cun 48% da superficie total de Galicia, e as exportacións alcanzan os 641 millóns de euros. Ademais, os 700.000 visitantes anuais volven situar o turismo en cifras anteriores á pandemia, mentres o campus universitario segue medrando en matrícula, con 3.256 estudantes no último curso.
Con todo, o informe tamén alerta de retos importantes. O 7% da poboación ten máis de 85 anos, evidenciando a urxencia de reforzar os programas de atención á dependencia. Ademais, 3.600 fogares lucenses teñen ingresos mensuais inferiores a 600 euros, o que demanda accións específicas para combater a pobreza, especialmente infantil. Tomé tamén chamou a atención sobre o despoboamento rural, instando a revertelo mediante políticas que impulsen o reequilibrio territorial.
A publicación, segundo destacou o presidente provincial, «é unha ferramenta fundamental para saber como están as cousas e decidir que se pode facer para melloralas», insistindo na necesidade de colaboración entre administracións para afrontar os desafíos pendentes.•