Renfe retomou dende o 17 de decembro os servizos directos do Alvia que conectan Lugo con Madrid, eliminando así os transbordos por estrada que se viñeron realizando nos últimos meses debido ás obras de renovación na liña ferroviaria entre Ourense e Monforte. A compañía confirmou que os maquinistas completaron a formación necesaria para operar tanto os vehículos como a infraestrutura renovada, cumprindo cos requisitos de seguridade ferroviaria.
A recuperación destes traxectos forma parte do restablecemento progresivo dos servizos ferroviarios na liña afectada polas obras realizadas por Adif. Desde o 15 de decembro, tamén se normalizaron outras conexións de Media Distancia que se realizaban con transbordos, como os traxectos A Coruña-Ourense, Vigo-Ourense-Ponferrada, Ourense-Ponferrada e Ourense-Lugo.
Ademais, Renfe anunciou un pequeno cambio no horario do Alvia Transversal que conecta A Coruña con Barcelona. A partir do 15 de decembro, o tren adiantará a súa saída desde a cidade herculina ás 8:12 horas, un minuto antes do horario actual.
As obras de renovación na infraestrutura entre Ourense e Monforte, que impedían a circulación normal dos trens, foron acompañadas dun plan alternativo de transporte por estrada, implementado pola operadora ferroviaria para minimizar o impacto nos usuarios. O proceso de recuperación dos servizos comezou o pasado 25 de novembro co restablecemento parcial das conexións entre Galicia e Cataluña, ao que agora se suma o retorno á normalidade nos servizos de Media Distancia e na liña Lugo-Madrid.•