Roberto Castro asume a Alcaldía de Ribas de Sil

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca durante a toma de posesión de Roberto Castro como novo Alcalde de Ribas de Sil. Foto GPDL.

Logo de 26 anos no cargo e sete maiorías absolutas co PSdeG-PSOE, Miguel Ángel Sotuela Vega deixou oficialmente a Alcaldía de Ribas de Sil no pasado mes de novembro. O proceso de transición culminou o venres 13 de decembro coa toma de posesión do novo alcalde, Roberto Castro González, nun acto celebrado no salón de plenos do Concello ante un nutrido público, no que destacaron a presenza do secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, do secretario provincial e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e doutros alcaldes da comarca.
Roberto Castro, quen ata o de agora exercía como concelleiro de Cultura e tenente de alcalde, tomou o bastón de mando entre aplausos. Durante a súa intervención, Castro destacou a emoción de converterse no alcalde do seu pobo e expresou o seu compromiso de traballar por mellorar a calidade de vida dos veciños. Con 29 anos de experiencia na política local, compartida co exalcalde Miguel Sotuela e con Luis Rodríguez, sinalou que afronta esta nova etapa apoiado por un equipo no que, por primeira vez, hai máis mulleres ca homes na corporación.
Entre os seus proxectos máis inmediatos figura a atracción de novos veciños mediante a oferta de vivendas accesibles, a creación de oportunidades de emprego coa próxima apertura do Xeocamping Municipal e a captación de fondos europeos para iniciativas como a rehabilitación do Pazo de la Cuesta. Ademais, destacou a importancia de mellorar as infraestruturas turísticas para potenciar o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel, en colaboración cos concellos de Folgoso do Courel e Quiroga, así como a extensión da banda ancha para facilitar o teletraballo nas aldeas.
Castro subliñou que a súa prioridade principal serán os servizos sociais, centrados en atender as necesidades dos maiores e das súas familias. A mellora continua dos servizos básicos tamén ocupará un lugar destacado na súa xestión.
Pola súa parte, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, destacou a traxectoria de Miguel Sotuela durante os seus 27 anos como alcalde, valorando o seu compromiso co benestar social e co desenvolvemento económico de Ribas de Sil. Tomé Roca asegurou que a Deputación manterá unha colaboración fluída co novo equipo municipal para sacar adiante proxectos que favorezan á veciñanza.
O acto, que foi tamén unha despedida para Sotuela, converteuse nun recoñecemento ao seu labor como alcalde, un legado que Roberto Castro se comprometeu a continuar con dedicación e novos retos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

A Deputación de Lugo reforzou o turismo sostible e a promoción do patrimonio en 2024

Seguinte Nova

A Xunta impulsa investimentos clave en Monforte de Lemos

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

Ir aInicio

Don't Miss