O Concello de Sober deu comezo á súa programación de Nadal o pasado 13 de decembro, co acendido do alumeado nas rúas e a instalación de dous beléns. Un deles, situado no Centro Sociocultural, conta con pezas de madeira doadas polo xa falecido Ruperto Álvarez, mentres que o outro, de tamaño natural e elaborado en madeira por Eugenio Linares, foi colocado na Praza do Concello, onde se sumará unha nova figura.
O programa continúa o 20 de decembro coa visita de Papá Noel, e o 21 terán lugar os concertos de panxoliñas a cargo de O Trícole, un en Sober e outro na igrexa de Bolmente. Ese mesmo día, a vila acollerá o concerto de Perisic & Urquiaga das Xuventudes Musicais.
O 26 de decembro terá lugar unha Festa Infantil de Nadal no pavillón do Colexio, e o venres 27, os Xingros Big Band ofrecerán un concerto. O día 30, a Biblioteca recibirá a visita da Apalpadora, e o xoves 3 de xaneiro haberá un contacontos e Cantos de Reis a cargo de O Trícole. O 5 de xaneiro, Sober celebrará a visita dos Magos de Oriente.
A maiores, o día 10 de decembro inaugurouse a mostra de fotos ‘Ingredientes de cocktails’ de Macrolans Studio. O alcalde, Luis Fernández Guitián, animou a todos a participar neste Nadal “cheo de actividades para todas as idades” e destacou os catro certames de Nadal organizados polo Concello, destinados á participación de nenos e maiores: Certame de poesía, Certame de postais, Certame de beléns e Certame de decoración de locais comerciais. As bases están dispoñibles na web municipal, e as persoas interesadas teñen ata o 20 de decembro para inscribirse.•