O pasado domingo 8 de decembro, a Xunta de Galicia organizou unha visita guiada ao xacemento medieval do Preguntoiro en Pantón, como peche da cuarta campaña arqueolóxica desenvolvida nos últimos meses. A actividade foi totalmente gratuíta. Os participantes sairon do lavadoiro de Cibrisqueiros. Durante a visita, os arqueólogos explicaron os aspectos máis destacados das escavacións, incluíndo novos descubrimentos de enterramentos e a consolidación das ruínas da antiga capela de San Xoán Degolado.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude leva investidos preto de 80.000 euros no xacemento dende 2021. Este lugar histórico-arqueolóxico, vinculado ás orixes cristiás da Ribeira Sacra, está relacionado co mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro, a tan só un quilómetro de distancia. A intervención busca mellorar a conservación do ben patrimonial e reforzar a súa visibilidade como recurso turístico e cultural na paisaxe da Ribeira Sacra.•