Unha achega de 25.000 € impulsará a promoción do destino e a candidatura a Patrimonio da Humanidade

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o máximo responsable do Consorcio da Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián, asinaron un ano máis o convenio de colaboración anual entre ambas as entidades no Pazo de San Marcos. A través deste acordo, a institución provincial achega 25.000 € co fin de cubrir parte dos gastos de promoción e comercialización conxunta do destino Ribeira Sacra.
Tomé Roca subliñou que a renovación deste convenio ten lugar nun ano clave para a candidatura do territorio a Patrimonio da Humanidade. O Presidente da Deputación destacou que esta achega servirá ao Consorcio para sufragar un ano máis o desenvolvemento das súas actividades, co obxectivo de promover o sur da provincia como destino turístico. Este apoio permitirá ao Consorcio continuar coas tarefas de xestión de fondos públicos e facilitar a posta en marcha de accións dirixidas a aumentar a visibilidade da Ribeira Sacra a nivel nacional e internacional.
Unha das principais prioridades do Consorcio neste 2024 foi a participación activa nos trámites da candidatura a Patrimonio da Humanidade, especialmente na elaboración e xestión do plan de xestión de paisaxe cultural do territorio. O convenio tamén permitirá seguir avanzando neste proceso, centrado neste ano na importancia das augas e a súa relación co patrimonio natural e cultural da zona.
Tomé Roca lembrou que a Deputación de Lugo sempre tivo un papel fundamental na candidatura da Ribeira Sacra.•