A Xunta publica unha orde única con máis de 40 millóns de euros en axudas para autónomos

A convocatoria centraliza cinco programas de apoio e busca simplificar os trámites administrativos. Estímanse preto de 9.000 beneficiarios en toda Galicia. Foto GPXG.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar este venres, 17 de xaneiro, unha orde única que aglutina todas as axudas dispoñibles para as persoas traballadoras autónomas. Esta medida, anunciada polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Consello do pasado luns, supón un esforzo para reducir a burocracia e facilitar o acceso aos apoios económicos. Con máis de 40,7 millóns de euros de orzamento, a iniciativa beneficiará preto de 9.000 profesionais que inicien ou xa estean desenvolvendo a súa actividade.

CINCO PROGRAMAS NUNHA CONVOCATORIA
A orde, pioneira en Galicia, integra cinco programas de axudas: Promoción do Emprego Autónomo, Bono Autónomo, Bono Remuda, Bono Nova Oportunidade e o programa de conciliación. Estes abranguen desde o impulso inicial da actividade ata a súa consolidación e a facilitación da conciliación laboral e familiar.
O programa de Promoción do Emprego Autónomo concentra a maior parte do orzamento, con case 29 millóns de euros, distribuídos entre dúas liñas: unha para fomentar o inicio de novos negocios e outra para garantir a cota cero durante doce meses. Pola súa banda, o Bono Nova Oportunidade contará cunha dotación de 1,5 millóns de euros, mentres que o Bono Autónomo disporá de 8 millóns, permitindo mellorar a competitividade das empresas ao ampliar o período subvencionable ao último trimestre do ano anterior.
Entre as novidades, destaca o Bono Remuda, dotado con máis de 1,2 millóns de euros. Este apoio inclúe axudas para a transmisín de negocios, cunha achega de 6.000 euros para establecementos situados en concellos con menos de 10.000 habitantes e de 3.000 euros para os localizados en municipios maiores. Ademais, contempla incentivos tanto para quen asume o relevo como para quen deixa a actividade.
O programa de conciliación, cun orzamento dun millón de euros, inclúe tres liñas: a contratación de persoas desempregadas para cubrir baixas por maternidade, paternidade ou risco durante o embarazo e a lactancia; o coidado de menores, maiores ou dependentes; e a subvención de servizos de coidado para os profesionais.

PRAZO DE SOLICITUDE E REQUISITOS
As bases detalladas de cada programa e os períodos subvencionables están xa dispoñibles na orde que se publica o 17 de xaneiro. O prazo para presentar solicitudes abrirase o 24 de xaneiro e rematará o 30 de setembro de 2025. Esta iniciativa forma parte da Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo, que conta cunha dotación de 360 millóns de euros ata 2027 e que posiciona a Galicia como unha das comunidades con maior peso deste colectivo, cun 20 % do total de afiliacións, case catro puntos por riba da media nacional.

OUTRAS AXUDAS COMPLEMENTARIAS
Xunto á orde conxunta, o Goberno galego tamén publica este venres outra convocatoria destinada a favorecer a contratación indefinida por parte dos autónomos. Con máis de 1,3 millóns de euros, esta medida prevé financiar preto de 140 contratacións de persoas desempregadas, incluíndo bonos de contratación e formación. Ademais, haberá 350.000 euros para apoiar o funcionamento das asociacións de autónomos e a contratación de persoal de apoio.
Estas medidas complementan a aposta estratéxica da Xunta polo emprendemento.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Óscar Ibáñez celebra 20 anos de carreira artística en Quiroga

Seguinte Nova

A Xunta reforza o apoio ás startups galegas cunha nova convocatoria de axudas

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss