
Desde o pasado luns, 13 de xaneiro, o Concello da Pobra do Brollón estableceu un horario exclusivo de atención ao público para consultas relacionadas coa xestión de biomasa. Estas atenderanse de luns a venres entre as 9:00 e as 11:00 horas, debido ao incremento na demanda deste servizo.
Os propietarios de parcelas están a ser notificados por vía postal da obriga de limpar a masa vexetal das súas propiedades para evitar sancións impostas pola Xunta a través do Servizo Agrario Galego. Estas medidas buscan reducir o risco de incendios forestais e evitar a súa propagación.
No caso de recibir unha notificación, disponse dun prazo de 15 días para realizar a limpeza e comunicalo mediante instancia xeral na Sede Electrónica do Concello, indicando o número de referencia catastral. Para aqueles casos nos que a finca xa estea limpa ou non estea ao nome do destinatario, é necesario xustificalo co mesmo procedemento.
O Concello recomenda consultar as listas de parcelas afectadas publicadas no BOE os días 14 e 17 de decembro de 2024. Está dispoñible o teléfono de SEAGA: 881 997 319.•





