
Os deputados do Grupo Provincial Popular demandarán no pleno da Deputación de Lugo que o ente provincial cumpra os acordos asinados con varios concellos para a construción e apertura de centros de atención a maiores. Ademais, instarán a reclamar ao Goberno central melloras para os mutualistas lucenses de Muface, afectados pola actual crise.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, destacou a importancia de avanzar na execución das obras nos centros de Guitiriz, A Pontenova e A Pobra do Brollón, así como na apertura inmediata do centro de Becerreá. Tamén insistiu na necesidade de iniciar a construción en Folgoso do Courel e Portomarín e de redactar proxectos en Cervantes, Ourol, Pantón e O Saviñao.
En canto a Muface, os populares pedirán unidade para reclamar ao Goberno do Estado garantías para os preto de 8.000 funcionarios lucenses afectados. Tamén presentarán un rogo para ceder os bens almacenados na nave de Begonte aos concellos interesados e reclamar solucións para os veciños de Santo Estevo (Pantón), afectados polas obras de electrificación ferroviaria.•