
O pasado martes, 14 de xaneiro, celebrouse en Chantada o II Foro de Innovación Empresarial, enmarcado no programa Conecta Lugo e organizado pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Xunta de Galicia. O evento, que tivo lugar no Auditorio Municipal, acadou unha ampla convocatoria de empresarios, representantes institucionais e veciñanza interesada no impulso económico da provincia.
Xavier Marcet, referente en estratexia e innovación, destacou no foro como poñente principal, abordando claves para potenciar a competitividade das empresas galegas. Xunto a el, participaron Xesús Mazaira, da queixería Airas Moniz; Juan L. Vázquez, de Tourgalia e Casa de Outeiro; e Hugo Criado, de Medrar Innovation Office, achegando experiencias e proxectos destacados desenvolvidos na comarca.
A xornada incluiu unha mesa redonda titulada «Innovación para transformar o territorio», coa presenza de representantes de organismos públicos como Covadonga Toca, directora do Igape, e CEOs de empresas innovadoras. Tamén asistiron o alcalde de Chantada, Manuel L. Varela, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen subliñaron a importancia de fomentar estas iniciativas no ámbito rural.
Segundo a Xunta, estas accións permiten divulgar recursos e subvencións que están a ter grande impacto. En innovación, as solicitudes de axudas das empresas lucenses cuadriplicáronse, acadando xa o 20% do total autonómico, reflexo do compromiso co tecido produtivo.•





