
O novo Pavillón Polideportivo de A Pinguela en Monforte acolleu este fin de semana o Campionato Galego de Técnica e Freestyle de Taekwondo, un evento que resultou un rotundo éxito tanto en termos organizativos como deportivos. A competición, que reuniu a 150 taekwondistas de toda Galicia, contou con 14 deportistas locais, todos membros do club Neka, que destacou nas clasificacións con 5 oros, 4 pratas e 4 bronces, proclamándose campión galego.
O Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, foi o encargado de entregar os trofeos e medallas, acompañado de autoridades como a Concelleira de Sanidade e Tráfico, Pilar Espinosa, e o Presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiríz López. O evento contou tamén coa participación do Secretario Territorial da Xunta en Lugo, Alejandro Fontela, e do director deportivo do Neka, José María Vega.
Os taekwondistas monfortinos lograron resultados destacados nas distintas categorías. Álex Camba, Laura Álvarez e a parella formada por Laura Álvarez e Dani Árean, foron algúns dos grandes protagonistas ao conseguir ouro nas súas respectivas disciplinas. Ademais, a parella Aitor Teijeiro e Lucía Roca, xunto ao trío formado por Álex Camba, Marco García e Carlos Rey, sumaron tamén ouro ao medalleiro local.
Este campionato consolidou ao Neka como un referente no taekwondo galego.•