Cun investimento de catro millóns de euros en 2025, actuarase en 519 hectáreas para a creación de 26 novos pasteiros, oito deles en Lugo

A Consellería do Medio Rural anunciou que neste 2025 destinará catro millóns de euros á creación e mellora de pasteiros en Galicia, un proxecto que busca fortalecer o sector agrogandeiro e mellorar a xestión do territorio. A conselleira María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, José Balseiros, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o pasteiro de Goián, en Sarria, onde destacou a importancia desta iniciativa.
Ao longo do ano, está previsto actuar en 519 hectáreas para habilitar 26 novos pasteiros, dos cales oito estarán situados na provincia de Lugo. Entre os traballos contemplados figuran a implantación de pastos herbáceos mediante roza, sementeira e encalado, así como a instalación de peches perimetrais, pasos canadense e sistemas para a xestión do gando.
Os pasteiros son unha ferramenta clave para fortalecer o tecido agrogandeiro das zonas rurais, aumentando a base territorial das explotacións e favorecendo a extensificación das producións. Ademais, estas actuacións teñen un impacto positivo na loita contra os incendios forestais, xa que rompen a continuidade do mato e do arboredo, ao tempo que contribúen á biodiversidade e ao benestar animal.
Desde o ano 2020, o Plan de Pastos da Xunta permitiu actuar en máis de 1.930 hectáreas e habilitar 80 pasteiros en toda a comunidade, cun investimento acumulado de 10,5 millóns de euros. As actuacións incluirán novos sistemas para mellorar as condicións de traballo das explotacións, co fin de incrementar a súa sostibilidade e competitividade.
Os pasteiros teñen un efecto multiplicador na economía local, xa que non só favorecen a produción gandeira, senón que tamén axudan a fixar poboación no rural. •





