A media diaria de chamadas recibidas ascende a 3.158, rexistrándose maior número nos meses de verán e nos de principios e finais de ano, delas o 93% obtiveron resposta en menos de 10 segundos

A Central de Coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu un total de 1.155.993 chamadas ao longo do ano 2024. Este servizo, dependente da Consellería de Sanidade, xestiona e coordina as urxencias e emerxencias sanitarias en toda a Comunidade galega. O balance anual reflicte unha media diaria de 3.158 chamadas atendidas.
Os meses de maior demanda foron os de verán, ademais do inicio e final de ano. O máximo pico de chamadas produciuse en xaneiro, con 107.243 rexistradas. Séguenlle agosto, con 104.627 chamadas; xullo, con 104.506; xuño, con 98.269; e decembro, con 97.486.
A Central de Coordinación, situada na Estrada, opera as 24 horas do día durante todo o ano. Dispón dunha infraestrutura tecnolóxica avanzada con sistemas de informática e comunicación de última xeración. Destaca pola rapidez na resposta: o 93 % das chamadas foron atendidas en menos de 10 segundos.
O equipo está formado por persoal médico e enfermeiro especializado en urxencias e emerxencias. O persoal de enfermería encárgase das consultas sanitarias, mentres que o facultativo valora as situacións de emerxencia e decide a mobilización de recursos.
En 2024, a Central de Coordinación mobilizou 319.208 recursos sanitarios. O 061 mantén a súa dispoñibilidade as 24 horas do día, os 365 días do ano, tanto para consultas sanitarias como para urxencias extrahospitalarias.•





