
A CIG-Saúde de Monforte de Lemos denunciou que o mamógrafo do Hospital Comarcal está inoperativo desde decembro debido a un fallo no densómetro, o dispositivo encargado de medir a densidade mamaria. Segundo a central sindical, este problema provoca que a calidade das imaxes sexa insuficiente, xerando posibles erros nos diagnósticos. Ademais, ao requirirse repeticións das probas, increméntase a exposición das pacientes á radiación.
Desde xuño de 2024 existen informes técnicos que advertían da necesidade de reparar o equipamento. En decembro, o persoal de radioloxía decidiu deixar de realizar mamografías no hospital monfortino debido á baixa calidade das imaxes. As probas derivadas desde o servizo de Xinecoloxía xa se levan a cabo no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo.
Porén, malia os avisos e as advertencias sobre os riscos derivados do mal funcionamento do aparato, a campaña de detección precoz do cancro de mama da Xunta continuou realizándose con este equipamento. A CIG-Saúde cualifica a situación de «grave» e solicita a súa inmediata paralización, xa que o defecto no densómetro podería comprometer a fiabilidade dos diagnósticos e incrementar a exposición das mulleres á radiación ionizante.
A central sindical demanda a adquisición urxente dun novo mamógrafo para o Hospital de Monforte, co obxectivo de garantir un servizo de detección precoz en condicións axeitadas e evitar que as pacientes deban desprazarse a Lugo para realizar as súa probas. «As mulleres de Monforte deben ter acceso a un servizo de calidade sen necesidade de viaxar a outra cidade», recalcan desde a CIG-Saúde.•





