Mentres o PP critica a xestión do Goberno provincial e pide transparencia na distribución dos recursos

A Deputación de Lugo acordou esixir á Xunta de Galicia que retire as sancions impostas a concellos da provincia con dificultades para cubrir a demanda do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e que estableza un novo plan de financiamento que garanta a prestación do servizo. A iniciativa, promovida polo Goberno provincial, foi aprobada no pleno ordinario de xaneiro celebrado este martes cos votos a favor do PSdeG e do BNG e coa oposición do PP.
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou antes da sesión que a proposta busca que a Xunta reconsidere a súa postura e aumente a súa achega económica aos concellos para garantir a continuidade do SAF. «Os concellos xa asumen unha parte importante do custo do servizo e a Xunta debería incrementar a súa contribución en lugar de impoñer sancions», afirmou Tomé, quen cualificou estas penalizacións como «un castigo inxusto».
Pola súa banda, a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, subliñou as carencias na xestión da rede de servizos sociais da Xunta, especialmente no eido da atención á dependencia. Advertiu de que os atrasos na prestación do servizo e a falta de prazas residenciais agravan a situación, mentres que as sancions aos concellos de Triacastela, Samos, Pedrafita do Cebreiro e Folgoso do Courel supoñen un «acto de deslealdade institucional». Estes municipios, con poboación altamente envellecida, poderían afrontar multas de ata 20.000 euros que comprometerían a súa viabilidade financeira.
O Grupo Provincial Popular votou en contra da proposta do Goberno e acusou ao executivo provincial de actuar con falta de transparencia e sen garantir un trato igualitario a todos os concellos. O voceiro popular, Antonio Ameijide, lamentou que o presidente da Deputación «se negue a establecer un reparto xusto dos recursos do parque móbil provincial», asegurando que a colaboración coa maior parte dos municipios é escasa e favorece aos concellos afís ao Goberno provincial.
O PP presentou unha iniciativa para crear unha mesa de traballo, cun prazo máximo dun mes para a súa convocatoria, na que participasen todos os grupos políticos para coordinar o uso dos recursos do parque móbil. Esta proposta foi rexeitada polo PSdeG e o BNG. Segundo Ameijide, a medida era «fundamental» para analizar a elaborar un informe obxectivo sobre a distribución dos medios.•





