
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, reiterou no pleno provincial a vontade de colaborar no financiamento do matadoiro municipal de Sarria. Segundo explicou, a área de Rural xa iniciou a tramitación da subvención tras aprobarse hai quince días os modelos de convenio necesarios. O compromiso ascende a 50.000 euros e, segundo asegurou, será a primeira subvención en asinarse neste exercicio.
A Deputación comprometeuse en novembro pasado a apoiar economicamente o matadoiro de Sarria, un servizo considerado estratéxico para a comarca. A axuda forma parte dos orzamentos de 2025 e foi anunciada durante unha reunión cos alcaldes da zona, celebrada o 20 de novembro. O obxectivo é garantir a continuidade do servizo como instalación pública.
Pola súa banda, o Grupo Provincial Popular manifestou no pleno do martes a súa preocupación sobre o estado da xestión da axuda. O voceiro popular, Antonio Ameijide, solicitou información sobre os pasos dados pola Deputación para facer efectiva a subvención, lamentando a falta de novidades dende o anuncio inicial. “Agardamos que todo siga o seu curso e non quede nun simple compromiso”, indicou.
A voceira do Partido Popular en Sarria, Carmen José López, instou o alcalde a informar sobre as xestións para formalizar o convenio coa Deputación. Ademais, lembrou que o Concello de Sarria debe remitir a documentación necesaria para concretar o apoio comprometido pola Consellería do Medio Rural. Segundo afirmou, o peche do matadoiro xustificouse pola necesidade de investimentos, pero considera que “se fosen tan urxentes, a día de hoxe xa deberían estar definidos”.
López subliñou que, sen a presentación do plan de investimentos comprometido, non se poderá materializar o apoio da Xunta. O Grupo Popular segue á espera de avances e insta ao Concello a cumprir cos compromisos adquiridos para garantir a continuidade do servizo.•