A mostra documenta o uso do galego na epigrafía funeraria e poderá visitarse ata o 28 de febreiro

A igrexa nova de Chantada, na parroquia de Santa Mariña, acolle ata o 28 de febreiro a exposición “Palabra e Memoria”, que explora o uso da lingua galega na epigrafía funeraria. A mostra, froito dunha iniciativa cultural do IES Pedrouro de Burela, documenta desde 2003 a evolución do galego nas inscricións funerarias. A través dun traballo de campo e dunha exposición fotográfica con imaxes da fotoxornalista Pepa Losada, a mostra destaca a normalización deste idioma en ámbitos culturais e sociais como o dos camposantos.
A chegada de “Palabra e Memoria” ás parroquias de Chantada foi posible grazas á filóloga local Tania Vázquez García, docente do Instituto Val do Asma. No municipio, foron analizados 17 cemiterios, entre os que destaca o de San Salvador de Asma, onde se rexistraron inscricións de 253 familias, das que 6 incorporaron o galego nos textos funerarios. En San Xurxo, de 246 familias, 3 usaron o galego para as súas lembranzas. Estes resultados apuntan a un cambio de tendencia nos últimos anos, favorecido polo relevo xeracional e a alfabetización en galego das novas xeracións.
A exposición subliña a importancia da recuperación do galego na epigrafía funeraria como unha forma de expresión propia e sentida cara aos seres queridos falecidos. A mostra, que estivo previamente no Museo do Pobo Galego, pode visitarse en horario de martes a domingo de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. A información panorámica de “Palabra e Memoria” tamén está dispoñible na “Cartografía do uso do galego nos camposantos”, publicada polo Consello da Cultura Galega.•





