
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, recibiu na noite deste xoves no Palacio de Cibeles en Madrid dúas distincións concedidas polo Instituto para a Calidade Turística de España á Oficina de Turismo de Chantada. O acto tivo lugar durante a gala ‘Noche Q’, na que o rexedor recollía os certificados que acreditan á oficina como unha das máis comprometidas co turismo de calidade e sostible. As distincións “Q Calidade Turística” e “S Sostibilidade Turística” suman un novo recoñecemento ao traballo realizado desde para mellorar a oferta turística.
A Oficina de Turismo de Chantada está situada na histórica Casa de Lemos, un edificio do século XVI na Praza do Mercado, que tamén forma parte do Camiño de Inverno a Santiago. Desde a súa apertura en 2002, tras a declaración de Chantada como Municipio Turístico en 2000, a oficina traballou para mellorar os servizos aos visitantes e promover os recursos locais. Desde 2020, a oficina conta co distintivo “Compromiso de Calidad Turística” dentro do xeodestino Ribeira Sacra, o que reitera o seu compromiso coa mellora continua.
No último trimestre do 2023, a Oficina de Turismo de Chantada deu un paso máis e constituiu o Comité de Sostibilidade. Este órgano ten como obxectivo asegurar que as prácticas da oficina se axusten aos principios de xestión sostible, abordando cuestións como o aforro enerxético, a utilización de enerxías non contaminantes, a promoción de infraestruturas resilientes e a creación de núcleos máis inclusivos, seguros e respectuosos cos ecosistemas.
Manuel Lorenzo Varela subliñou o compromiso co turismo de calidade, destacando o traballo constante para promover o patrimonio, a paisaxe e as tradicións locais. O alcalde comentou que están en proceso de obter a certificación como Destino Starlight, que recoñecería a Chantada como un destino que ofrece un cielo limpo e propicio para a observación astronómica.
O alcalde aproveitou a súa estancia en Madrid para participar na presentación da candidatura de Ribeira Sacra como Paisaxe da Auga a Patrimonio Mundial na feira Fitur.•