
A Rede de Miradoiros de Sober vén de renovar a Q de Calidade como espazo público singular e sumou a certificación S de sustentabilidade, converténdose no único espazo público singular en Galicia en obter esta distinción. Esta nova certificación recoñece o compromiso do Concello de Sober co turismo responsable e a conservación do medio natural.
Desde 2020, os miradoiros do Canón do Sil contan coa Q de Calidade, un distintivo que os acredita como Espazo Público Singular. Naquel momento, foron un dos cinco espazos públicos con esta distinción en España e o único da Ribeira Sacra e da provincia de Lugo en obtelo. Actualmente, Sober dispón de dez miradoiros públicos que comezaron a construírse nos anos 80 e que foron medrando e mellorándose ao longo do tempo, converténdose nun atractivo fundamental para o turismo da zona.
O obxectivo desta rede de miradoiros é ofrecer unha experiencia inmersiva que permita gozar da paisaxe dun xeito respectuoso co medio ambiente. A súa consolidación como referente en turismo sustentable busca promover a conservación da paisaxe e o desenvolvemento económico local mediante a educación ambiental.
Para reforzar este compromiso, o Concello apostou pola certificación S de sustentabilidade, un selo impulsado polo Instituto de Calidade Turística Española que busca integrar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable do Milenio nos destinos turísticos. Esta distinción achega vantaxes como a mellora da imaxe do recurso, o fomento da xestión eficiente das actividades turísticas e a optimización do uso dos recursos dispoñibles.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, subliñou a importancia desta certificación para a proxección do municipio e asegurou que nos vindeiros anos continuarase traballando na mellora das infraestruturas, a eficiencia enerxética e a promoción dun turismo inclusivo, garantindo un impacto positivo e sostible na comarca.•





