A Ribeira Sacra avanza na súa candidatura a Patrimonio Mundial: a documentación definitiva xa foi remitida para a súa avaliación pola Unesco

En FITUR a Xunta confirmou que xa ten entregada toda a documentación definitiva da candidatura da Ribeira Sacra: Paisaxe da auga a Patrimonio Mundial. Foto GPXG.

O proceso para que a Ribeira Sacra sexa recoñecida como Patrimonio Mundial deu un novo paso adiante coa presentación definitiva da candidatura ante a Unesco. O anuncio realizouno o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a súa intervención en Fitur, a Feira Internacional de Turismo celebrada en Madrid. Na presentación, que tivo lugar no expositor de Galicia, o responsable autonómico detallou que toda a documentación foi enviada dentro dos prazos estipulados, despois da revisión realizada polo Ministerio de Cultura, que actúa como intermediario ante o Centro de Patrimonio Mundial con sede en París.
López Campos destacou que a proposta presentada baixo o nome «Ribeira Sacra: Paisaxe da Auga» reforza a súa candidatura con novos elementos que subliñan a importancia da auga na configuración da paisaxe e na vida do territorio. Ademais, fixo fincapé en que o expediente se viu mellorado grazas ás achegas de técnicos, expertos e representantes da cidadanía, así como ao traballo conxunto realizado coas administracións locais e autonómica.
Durante o acto, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, o presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, e os presidentes das Deputacións de Lugo e Ourense, José Tomé e Luis Menor, respectivamente. Os responsables institucionais coincidiron en salientar a importancia deste recoñecemento para a valorización do territorio e para a proxección internacional da Ribeira Sacra como destino de referencia en turismo cultural e natural.
SEIS ATRIBUTOS DE VALOR UNIVERSAL
A candidatura da Ribeira Sacra está baseada en seis atributos que destacan a súa singularidade. En primeiro lugar, sublíñanse os canóns e vales fluviais esculpidos ao longo dos séculos pola acción da auga, que configuran unha paisaxe caracterizada polos meandros, a orografía abrupta e a interacción entre os ríos Miño e Sil e a actividade humana.
Outro dos aspectos clave é a estrutura territorial vinculada á xestión da auga, que se manifesta na organización do espazo fluvial e na distribución das parroquias. O expediente presentado fai referencia á importancia do patrimonio hidráulico, no que se inclúuen muíños, centrais hidroeléctricas e saltos de auga que son testemuñas da relación entre a auga e a actividade económica ao longo da historia.
A pervivencia dos sistemas tradicionais de cultivo en terrazas e socalcos é outro dos elementos que reforzan a candidatura. A viticultura heroica que caracteriza a Ribeira Sacra, baseada na adaptación ás complexas condicións xeográficas, é un dos aspectos que mellor definen este territorio.
A pegada monástica e eremítica, con mosteiros e igrexas que testemuñan a profunda relación da zona coa espiritualidade, é outro dos puntos destacados na proposta. O expediente presentado ante a Unesco fai fincapé na riqueza deste legado arquitectónico e na súa integración coa paisaxe natural.
Por último, a candidatura pon en valor o patrimonio inmaterial e o capital biocultural da Ribeira Sacra, que se manifesta en tradicións, festividades, toponimia e lendas vencelladas á auga. A sacralización de fontes, minas e cursos fluviais reflicte unha conexión ancestral coa natureza que contribúi a definir a identidade da comarca.
O PROCESO DE AVALIACIÓN POLA UNESCO
Unha vez remitida a documentación, a candidatura será sometida a avaliación polos organismos consultivos da Unesco, que analizarán os criterios de excepcionalidade, integridade e autenticidade da Ribeira Sacra como paisaxe cultural. Este proceso incluirá visitas de expertos internacionais que estudarán sobre o terreo os valores que fundamentan a proposta.
Se a candidatura supera esta fase, a decisión final tomarase en 2026 no Comité do Patrimonio Mundial, onde se determinará se a Ribeira Sacra pasa a formar parte da Lista do Patrimonio Mundial da Unesco. De ser aceptada, este recoñecemento suporía un impulso para a conservación e a promoción deste territorio, ademais de reforzar a súa proxección internacional como destino cultural e paisaxístico de referencia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Ucoga Seguros C.B. Chantada, un ciclo de éxito que se repite cada tempada

Seguinte Nova

Os colexios de Monforte saíron á rúa para celebrar o Día da Paz

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss