Críticas enfrontadas pola situación da Rúa Chantada en Monforte

O BNG apoia as queixas do Concello pero pide esgotar as vías legais, mentres que o PP critica a actuación do alcalde

José Tomé remitiu unha carta oficial explicativa a todos os veciños da rúa Chantada na que informa da deficiente actuación que a Xunta de Galicia levou a cabo na rúa Chantada. Foto GPCM.

A situación da Rúa Chantada en Monforte segue a xerar controversia entre os distintos grupos políticos do municipio. O BNG manifestou o seu apoio ás críticas do goberno local pola actuación da Xunta de Galicia na LU-617, cualificándoa de insuficiente e de mala calidade. Non obstante, insistiu na necesidade de esgotar todas as vías administrativas e legais para que sexa a Administración autonómica a que asuma a súa responsabilidade e execute as melloras necesarias sen custo para as arcas municipais.
O responsábel local do BNG, Manuel Luaces, fixo un chamamento á Xunta para que corrixa os defectos da obra e garanta que a rúa quede en boas condicións. Ao mesmo tempo, pediu ao goberno municipal que continúe a reclamar a implicación da Xunta, asegurando que contará co apoio do BNG para estas reivindicacións. Tamén advertiu que asumir os custos desde o Concello podería sentar un precedente negativo que afectase outros investimentos prioritarios para Monforte.
Pola súa banda, o Grupo Municipal do PP cargou duramente contra o alcalde, José Tomé, pola carta enviada aos domicilios de Monforte denunciando a situación da rúa Chantada. A voceira popular, Katy Varela, tachou este feito de «espectáculo bochornoso» e considerou «eticamente discutible» remitir unha misiva deste tipo aos veciños, ademais de facela chegar á Consellería de Infraestruturas e ao presidente da Xunta.
Os populares acusan a Tomé de intentar boicotear os traballos demorando a autorización da obra e lembran que a responsabilidade do mantemento do firme nos tramos urbanos corresponde ao propio Concello. Varela instou ao alcalde a solicitar a titularidade da vía se considera que a actuación da Xunta foi insuficiente. Asegurou que o mal estado da Rúa Chantada e da Rúa Morín débese ás roturas das tubaxes de auga, responsabilidade municipal.
O PP preguntou no pasado pleno polo custo do envío masivo da carta do alcalde e instará a que remita outra misiva informando das medidas previstas para renovar as tubaxes e mellorar o abastecemento e saneamento nos puntos do municipio que carecen destes servizos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Xosé Vizoso, un artista total, protagoniza as exposicións do Día da Ilustración

Seguinte Nova

O Alcalde de Monforte denunciou o deficiente arranxo da rúa Chantada

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

Ir aInicio

Don't Miss