Galicia pecha a súa participación en Fitur 2025 cunha gran acollida do turismo de interior

O expositor galego espertou especial interese pola Ribeira Sacra, o enoturismo e o Camiño de Santiago

A proposta «Galicia acolledora» acadou unha excelente valoración por parte do público asistente a Fitur 2025 nas xornadas de portas abertas, que tiveron lugar a fin de semana de Fitur. A candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade pola Unesco foi unha das opcións máis demandadas, seguida de destinos como a Costa da Morte e a Mariña Luguesa. Ademais, o termalismo destacou como outro dos grandes atractivos para os visitantes interesados no turismo de benestar.

O CAMIÑO DE SANTIAGO
O Camiño de Santiago, un dos piares fundamentais da oferta turística galega, recibiu numerosas consultas sobre as súas distintas rutas e aspectos relacionados coa súa loxística e organización. Tamén se percibiu un elevado interese polo xeodestino de Ferrol e polo interior da provincia de Pontevedra, que espertaron a curiosidade dos asistentes. Pola súa banda, o turismo activo e a paisaxe natural consolidáronse como dous dos principais reclamos para o público máis novo.

ENOTURISMO GALEGO
Outro dos aspectos que atraeu a atención do público foi a proposta enoturística galega. Os visitantes amosaron especial interese polas rutas do viño, a súa tradición e a súa vinculación coa cultura galega. O perfil dos turistas que realizaron o maior volume de consultas foi o de persoas de idade avanzada e familias, aínda que tamén se detectou un crecente interese entre viaxeiros internacionais atraídos pola oferta gastronómica e cultural.
Durante a súa participación en Fitur 2025, Galicia contou con 50 presentacións de destino, moi ben valoradas polo sector profesional. Entre o mércores e o venres, representantes institucionais e empresariais deron a coñecer produtos turísticos adaptados ás demandas actuais, cunha atención especial á paisaxe, a gastronomía, a cultura e a natureza como factores clave dun modelo de turismo sostible. A aposta pola dixitalización e a innovación tamén estivo presente nas presentacións, con proxectos orientados á mellora da experiencia do visitante.

RECORD DE ASISTENCIA
Fitur 2025 pechou esta edición con cifras récord de asistentes. A organización contabilizou a visita de 155.000 profesionais entre o mércores e o venres. No que respecta ao público xeral, estimouse unha asistencia final duns 100.000 visitantes durante a fin de semana. Estes datos reflicten o crecente interese polo turismo de proximidade e polas experiencias vinculadas á autenticidade dos destinos.
A programación do expositor de Galicia completouse cunha ampla variedade de actividades dirixidas ao público. Houbo obradoiros de artesanía, actuacións musicais e eventos gastronómicos. A artesá Cristina Velasco, especializada en origami, ofreceu demostracións en vivo do seu traballo, creando pezas inspiradas na natureza. Pola súa banda, na zona gastronómica do expositor desenvolvéronse showcookings con produtos galegos. O sábado presentouse un brunch galego titulado «Almorzos Devagar», seguido dunha degustación de empanada galega con viños da DO Valdeorras, sobremesas tradicionais e unha sesión de vermú galego con petiscos de conservas de mar de Galicia Calidade.
As actuacións musicais correron a cargo de Sheila Patricia, a Escola de Gaitas de Ortigueira e DJ Caste, que repetiron as súa exhibicións o domingo. Ese mesmo día, a programación gastronómica incluíu un showcooking de carnes certificadas por Galicia Calidade, maridadas con viños das DO Ribeira Sacra e Monterrei, e unha degustación de larpeiradas galegas. Organizáronse charlas sobre o impacto do turismo sostible e a preservación do patrimonio natural e cultural da Comunidade.

INFORMACIÓN PERSONALIZADA
Os visitantes que se achegaron ao expositor galego en Fitur 2025 puideron acceder a información personalizada sobre os distintos destinos da Comunidade, grazas á atención especializada dos profesionais presentes nos mostradores. A oferta turística de Galicia quedou reforzada como unha combinación de natureza, cultura, gastronomía e hospitalidade, consolidando a imaxe da Comunidade como un destino de referencia para os visitantes nacionais e internacionais.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

As Rochas de Sober: Que Historias Contan?

Seguinte Nova

A CIG-Saúde denuncia a avaría do mamógrafo do Hospital de Monforte

Últimas noticias sobre TURISMO

Ir aInicio

Don't Miss