
En ocasións escribir a crónica da marcha do Ucoga Seguros C.B. Chantada ten algo de Déjà vu, e é que durante os últimos anos o equipo que preside Chicho Montenegro desde os despachos e Alberto Fafián desde o banco adoita repetir o mesmo patrón. E é que o equipo, de forma humilde, desde unha pequena vila do interior de Lugo, ponse a sondar o mercado, para dar con mozos xogadores que veñen de competir en Liga Galega en categorías inferiores en clubs de Coruña, Santiago ou Lugo, que sen ser necesariamente os máis destacados da súa xeración, chegan a Chantada e con paciencia, dedicación e saber facer, o club consegue sacarlles un froito moi superior ao inicialmente esperado, todo iso nunha categoría moi dura, con moitos equipos con xogadores xa veteranos e vinculados a equipos con orzamentos moi superiores aos chantadinos, e con cidades de tanto peso detrás como o caso de Xixón, por poñer un exemplo. Ademais, sempre consegue coidar e manter ao seu grupo de veteranos, capitaneados por Noguerol e Cristian Iglesias que ademais de achegar a súa calidade e experiencia, arroupan aos mozos. E por suposto, ano tras ano, terminan dando cun xogador especial e curtido para que achegue anotación e saber estar. Con estas vimbias, cada ano empézase con dúbidas de poder repetir os éxitos da tempada anterior, pero a realidade é que chegamos a febreiro, e o equipo sempre está a loitar polo campionato e polo tanto pelexando pola fase de ascenso de categoría. O mesmo este ano. É segundo clasificado con 12 vitorias e dúas derrotas, as mesmas que ten Círculo Xixón Baloncesto que marcha primeiro clasificado, e que renderá visita á cancha de Chantada o 16 de marzo na xornada 21. E xa non nos sorprenderemos se gañan e póñense líderes. O devandito é como un Déjà vu. Que luxo de Club e de equipo.•