A D.O. Ribeira Sacra debuta na Barcelona Wine Week

O Consello Regulador participou por primeira vez nesta feira exhibindo 39 viños de 14 adegas da comarca

A D.O. Ribeira Sacra debutou na Barcelona Wine Week exhibindo 39 viños de 14 adegas da comarca. Foto BWW.

Do 3 ao 5 de febreiro, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra participou na Barcelona Wine Week (BWW), celebrada no recinto Montjuïc de Fira de Barcelona. Esta foi a primeira vez que o Consello asistiu a este evento de referencia do sector vitivinícola.
A D.O. Ribeira Sacra contou cun stand propio no que se exhibiron 39 viños procedentes de 14 adegas, distribuídos en 8 brancos, 1 rosado e 30 tintos. Ademais, varias adegas da denominación participaron con stands individuais, ampliando a representación dos viños da Ribeira Sacra na feira.
A Consellería do Medio Rural apoiou esta presenza a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. O director da Axencia, Martín Alemparte, asistiu á inauguración da feira, destacando a importancia deste tipo de eventos como escaparate para presentar e promocionar as elaboracións vitivinícolas galegas a nivel nacional e internacional.
A Axencia estivo presente na BWW con 45 industrias de viños e augardentes agrupadas baixo a marca Galicia. No expositor da Consellería participaron as D.O. Rías Baixas, con 24 adegas; a D.O. Ribeiro, con cinco; a D.O. Ribeira Sacra, con oito; e unha adega da D.O. Valdeorras. Ademais, habilitouse un túnel do viño con caldos das cinco denominacións de orixe galegas e dous postos dedicados aos produtos das Indicacións Xeográficas Protexidas de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
Durante a feira, Martín Alemparte mantivo encontros estratéxicos co director do Instituto Catalá da Viña e o Viño, Joan Gené, e con Xoán Luis Elorduy, da Estación Viticultura e Enoloxía de Reus, para afondar na cooperación entre Galicia e Cataluña no sector vitivinícola. Tamén participou na reunión da xunta directiva da Plataforma Tecnolóxica do Viño, da que a Axencia é socia, centrada en establecer estratexias comúns de I+D+i para o sector en España.
A Barcelona Wine Week consolidouse como o evento enolóxico de referencia en España. Participaron máis de 1.100 expositores e 75 denominacións de orixe de todo o país, un 16% máis que en 2024, nun espazo de preto de 10.000 metros cadrados. O evento contou cun programa de actividades que incluíu catas, debates e encontros con expertos do sector, cunha previsión de 24.000 asistentes.
A participación do Consello Regulador na BWW permitiu achegar os viños da Ribeira Sacra a novos mercados e públicos, aproveitando a plataforma que ofrece este evento para establecer contactos comerciais e promocionar a diversidade e calidade das súa elaboracións.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O PP de Monforte esixe solucións urxentes para Distriz e Piñeira

Seguinte Nova

As denominacións de orixe galegas promocionan o viño no Parlamento Europeo

Últimas noticias sobre PORTADA

Ir aInicio

Don't Miss