O evento, que se celebrará do 7 ao 9 de marzo, abrirá o calendario de feiras do viño da D.O. Ribeira Sacra

Chantada celebrará a XLII Feira do Viño na segunda fin de semana de marzo, do 7 ao 9, abrindo un ano máis o calendario de feiras da D.O. Ribeira Sacra. A cita foi anunciada cun novo cartel do artista multidisciplinar Juan José Lomarti, que leva varios anos elaborando os deseños que representan este evento.
Nesta ocasión, Lomarti apostou por unha proposta centrada na figura humana, destacando a alegría e a celebración festiva. “Quería representar alegría e celebración festiva, ademais dos matices do viño… a proposta deste ano é máis de festival, de celebración humana”, explicou o autor. O cartel reflicte a esencia do evento.
Durante os tres días, os asistentes poderán degustar os viños das ribeiras de Chantada e participar en diversas actividades ao redor do viño. Ademais, haberá actuacións musicais e desenvolverase a Feira de Oportunidades organizada pola Asociación de Empresarios de Chantada. O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, animou á participación na Feira, destacando o seu papel como evento emblemático para o concello. “Representa un dos nosos produtos máis emblemáticos, o que converte a Feira do Viño nunha das citas máis representativas e festivas do concello, como reflexa o cartel de Lomarti”, sinalou o rexedor.•