
O Pavillón Municipal de Chantada foi o epicentro do kárate galego o pasado 8 de febreiro coa celebración do Campionato Galego Absoluto e de Clubs. O evento, organizado pola Federación Galega de Kárate e Disciplinas Asociadas en colaboración co Concello de Chantada, reuniu 467 deportistas de 28 clubs, que competiron en distintas categorías ao longo da xornada.
A competición comezou pola mañá ás 9:00 horas e continuou pola tarde desde as 16:00 horas, cunha intensa programación de combates e exhibicións. Entre participantes, acompañantes, equipo arbitral e staff, máis dun milleiro de persoas acudiron ao pavillón, convertendo Chantada nun punto de encontro para a comunidade do kárate.
O Chantada Karate Club, como equipo anfitrión, presentou oito deportistas e tres equipos na categoría xuvenil. A karateca local María Muñoz Paz destacou ao proclamarse campioa galega en kumite sénior feminino -68 kg, acadando a única medalla para o club chantadino. O seu adestrador, Iñaki Muñoz, valorou positivamente a participación dos seus pupilos, que competiron en kata e kumite individual sénior.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, amosouse satisfeito co éxito da convocatoria e agradeceu á Federación Galega de Kárate a confianza depositada na vila para acoller, por terceiro ano consecutivo, este evento. “Para o Concello de Chantada é unha honra recibir unha competición deste nivel, que ademais dinamiza a nosa vila cunha gran afluencia de visitantes e participantes”, sinalou.
O torneo foi clasificatorio para os Campionatos de España Absoluto e de Clubs. Os combates puideron seguirse en directo a través do canal de YouTube da Federación Galega de Kárate e da plataforma Karate Scoring.•