
O Concello da Pobra do Brollón abriu o prazo para participar no 1º Concurso de Carteis da Feira do Viño de Vilachá. O certame ten como obxectivo escoller a imaxe que representará a XXXII edición do evento, que se celebrará a primeira fin de semana de maio.
O cartel será a imaxe central da feira e aparecerá nas etiquetas das botellas de viño que se vendan durante o evento. O xurado valorará que os deseños reflictan o espírito da feira, que se desenvolve no conxunto de adegas medievais da Abelaira e reúne colleiteiros da ribeira de Vilachá. Os traballos deben entregarse antes das 14:00 horas do 3 de marzo, en formato impreso e dixital. O concurso conta cun único premio de 200 euros.•



