Tensión polo que a Mesa pola Normalización Lingüística considera falta de participación e transparencia na renovación do Plan Xeral de Normalización do Galego

A Xunta comezou o proceso de renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), no que participaron máis de 100 profesionais de distintos ámbitos. A actualización do plan, liderada polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, conta cun total de once grupos de traballo que abordarán cuestións como os dereitos lingüísticos, a situación da lingua nas novas tecnoloxías ou o seu uso no sistema educativo, entre outros aspectos.
O conselleiro López Campos destacou a importancia de contar con datos actualizados, como os da Enquisa estrutural a fogares e as recomendacións da Carta Europea das Linguas Minoritarias, para garantir que a renovación do plan se adapte á realidade social e lingüística do país. Sen embargo, a constitución das comisións non estivo exenta de controversia. Durante o acto, membros da Mesa pola Normalización Lingüística, entre eles o seu presidente Marcos Maceira e a secretaria xeral Celia Armas, criticaron o proceso pola súa falta de transparencia e participación.
Maceira denunciou a exclusión das entidades sociais representativas de sectores clave como a xuventude, a cultura ou a educación, afirmando que o proceso se percibe como «improvisado e inútil». O presidente da Mesa tamén manifestou que a Xunta está a preferir «unilateralidade» e fixo unha serie de cuestionamentos, como a viabilidade da comisión de novas tecnoloxías cando o Goberno aprobou recentemente un proxecto de lei de Intelixencia Artificial que non inclúe o galego. «Que efectividade terá esta comisión se a TVG está aberta á posibilidade de deixar de usar o galego?», preguntou Maceira.
Pola súa banda, o conselleiro López Campos respondeu ás críticas, asegurando que a súa visión era a de un proceso de consenso e de fortalecemento do galego. Defendeu a participación de persoas de recoñecido prestixio e lamentou a estratexia «radicalizada» que, segundo el, intentou «hurtar» a oportunidade de debate e consenso.•