Mellora da eficiencia enerxética na Casa da Cultura de Monforte

O proxecto conta cun orzamento de 150.000 euros. Foto GPXG.

A Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte de Lemos someterase a unha reforma para mellorar a súa eficiencia enerxética grazas a un orzamento de 150.000 euros. A iniciativa foi posible grazas á colaboración institucional entre o Concello, que achega 32.976,56 euros (21,99% do total), a Xunta de Galicia, cunha contribución do 19,50%, e os Fondos Europeos FEDER, que financian o 58,51% do proxecto.
As actuacións previstas inclún melloras na envolvente térmica, climatización e iluminación do edificio. Entre as intervencións destacan a renovación da carpintería exterior na fachada principal con fiestras de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento, o que reducirá a perda de enerxía e mellorará o confort dos usuarios. Tamén se instalará un novo sistema de calefacción e climatización mediante bombas de calor, permitindo contar con refrixeración no verán, ademais de reducir o consumo de enerxía primaria e as emisións de CO2.
En canto á iluminación, substituiranse as luminarias fluorescentes por tecnoloxía LED de alta eficiencia, incluíndo sistemas de detección de presenza para optimizar o consumo eléctrico. Ademais do aforro enerxético, esta renovación suporá unha redución no custo de mantemento, xa que as lámpadas LED teñen unha vida útil moito maior ca as actuais.
A superficie sobre a que se intervirá na Casa da Cultura abrangue 1.130,25 metros cadrados. O proxecto xa foi licitado a través da Plataforma de Contratos do Sector Público, cun prazo de presentación de ofertas ata o 8 de marzo. Unha vez adxudicadas, as obras terán un prazo de execución de seis meses.
A visita institucional do Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, permitiu afondar na liña de axudas para proxectos de eficiencia enerxética en infraestruturas municipais. O titular autonómico anunciou a nova convocatoria destas subvencións para o período 2025-2026, cun orzamento de 5 millóns de euros cofinanciados con fondos FEDER. Os concellos de menos de 30.000 habitantes poderán optar a estas axudas, que cubrirán ata o 80% dos custos das actuacións, cunha subvención máxima de 120.000 euros por proxecto.
Os investimentos poderán destinarse a melloras na envolvente térmica, iluminación e climatización de edificios municipais, sempre que se garanta unha redución mínima do 20% no consumo de enerxía primaria non renovable e nas emisións de gases de efecto invernadoiro. A convocatoria busca fomentar o aforro enerxético e económico dos concellos, contribuír á redución da pegada de carbono e mellorar a calidade das infraestruturas municipais.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Monforte incrementa os premios do Entroido ata os 25.000 euros

Seguinte Nova

O meu primeiro Xeolodía deu o pistoletazo de saída ao programa de actividades do Xeoparque Montañas do Courel 2025

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

Ir aInicio

Don't Miss